domingo, 21 de xuño de 2015

PACTO DE GOBERNO BNG-PSdeG (asinado o 12 de xuño de 2015)


                                                  



Os e as abaixo asinantes, en representación das candidaturas do PsdG-Psoe e do Bloque Nacionalista Galego  no Concello de Barbadás, constatan que o pobo de Barbadás co seu voto decidiu que ningunha organización política das que concorreron ás eleccións conseguise maioría absoluta, mais que si expresou unha vontade clara dun cambio político no noso concello. 

Logo de 28 anos de políticas contrarias aos intereses do pobo e das potencialidades do país que o Partido Popular desenvolveu no Concello de Barbadás, unicamente guiadas por intereses persoais , partidarios e especulativos, nas eleccións do pasado día 24 de maio de 2015 a cidadanía do Concello de Barbadás, co seu voto, decidiu pasar páxina do anterior e catastrófico goberno municipal, para dar paso a unha nova época de esperanza.

Esperanza que recollemos as forzas políticas asinantes, como un reto e compromiso político e ético para este novo mandato.

En consecuencia as forzas políticas asinantes asumimos este acordo e comprometémonos a garantir a gobernabilidade e a posta en marcha de todos os principios, compromisos e medidas que se recollen neste documento.

O PsdG-Psoe e o Bloque Nacionalista Galego manifestan a súa vontade de integrar un goberno conxunto presidido pola lealdade mutua e colaboración na consecución dos obxectivos deste pacto.

É, pois, compromiso dos e das persoas e organizacións asinantes, a constitución dun Goberno Municipal radicalmente diferente: un goberno municipal transparente, participativo, dinámico e ilusionante e ao servizo do pais, no que o protagonismo lle corresponda aos e ás veciñas que pretendemos nos acompañen nesta nova xeira que agora se enceta.



O GOBERNO DA ÉTICA, TRANSPARENCIA E PARTICIPACIÓN

Sen dúbida a transparencia e todas as actuacións municipais e favorecer a participación dos e das veciñas na vida municipal, non concibindo a democracia como o dereito a votar cada catro ano, serán os sinais de identidade deste Goberno Municipal. Para darlles concreción comprometemos as seguintes actuacións:

Medidas para permitir a participación veciñal:

  • Elaboración dun Regulamento de participación veciñal no que se establezan as canles de interlocución entre a institución e o pobo, incluíndo a creación o Consello Municipal de Participación Veciñal, integrado polas entidades do tecido social do concello así como dos veciños e veciñas,  que será consultado en cuestións de relevancia, realizará o seguimento dos plans, proxectos e actuacións municipais e con capacidade de proposta.
  • Aprobación dunha ordenanza municipal para consultas aos veciños, que establecerá as condicións de realización de consultas populares en cuestións de interese xeral como orzamentos e plan xeral de ordenación urbana, ou calquera outra que se considere de interese xeral.
  • Mecanismos participativos na elaboración dos orzamentos anuais establecendo canles para que os e as veciñas poidan decidir os proxectos a financiar polas distintas áreas de goberno nunha porcentaxe mínima dun 15% do capítulo referido a investimentos.
  • Modificación do Regulamento de funcionamento interno da corporación municipal para unha maior democratización e facilitar a intervención dos e das veciños no Pleno

Medidas de transparencia dos cargos do goberno e da xestión municipal:

  • Remodelación do portal web municipal para establecer mecanismos de control e información.
  • Publicidade inmediata de actas, acordos, ofertas emprego, contratación pública, axendas do goberno, compras, etc.
  • Todos os e as membros do grupo de goberno farán públicas na páxina web do concello a súa declaración da renda e patrimonio e de intereses.
  • Ampliación da dación de contas ao conxunto da actividade municipal.
  • Espazo para preguntas, suxestións, reclamacións, con obriga de contestación por parte do concello.
·         Auditoría das contas, contratos, compras, pagos e subvencións recentes realizada cos medios propios do concello.
  • Este Goberno municipal aposta pola integridade, a transparencia e a honestidade no exercicio dos cargos públicos. É por iso que defende a tolerancia cero coa corrupción e que demostra, no día a día, a coherencia de asumir as responsabilidades políticas que se derivaren deste compromiso.


Medidas de transparencia, igualdade e participación na política de persoal

  • Elaboración dunha nova RPT atendendo a unha distribución adecuada do persoal para atender as distintas areas de xestión municipal, dando voz a traballadores e traballadoras e a os seus lexítimos representantes.
  • Ao longo da lexislatura celebraranse procesos de regularización do persoal a través de oposición e/ou concurso-oposición,  presididos pola transparencia. Para tal fin  os tribunais para a selección de persoal do concello estarán asistidos por unha comisión asesora formada por representación das organizacións sindicais e da veciñanza.


Medidas de transparencia na contratación de servizos, obras e subministracións

  • Utilizar procedementos de contratación abertos, reducindo ao máximo a utilización de procedementos de contratación negociados e sen publicidade.
  • A contratación menor, agás en casos de extrema urxencia, deben ser acordados na Xunta de Goberno Local
  • Toda contratación realizarase facendo prevalecer os criterios de calidade, prezo, axilidade e, dentro do marco legal, favorecendo ás pequenas empresas de ámbito local.
  • Participación nas mesas de contratación da representación de todos os grupos municipais e cunha comisión asesora coa participación da representación veciñal.
  • Convocar un concurso público para a contratación de subministracións de enerxía, de telefonía e internet para os servizos municipais coa finalidade de abaratar custes.
  • Na medida das posibilidades xurídicas, económicas e de duración destas promoverase ao longo do mandato  remunicipalización dos servizos actuais. En calquera caso, extremarase a vixilancia sobre o cumprimento de todas as cláusulas contidas nos pregos por parte das concesionarias, sancionando os incumprimentos e neglixencias consonte o establecido nestas.




O GOBERNO AO SERVIZO DO PAÍS E DA PROPIA CULTURA

Medidas para o uso público habitual da lingua propia

Dar cumprimento, cando menos,  ás obrigas recollidas nos artigos 4 e 5  da Lei 3/1983, de 15 de xuño, de normalización lingüística:

  • Creación  dun servizo de normalización lingüística.
  • Aprobación dunha ordenanza municipal de usos da lingua no ámbito municipal.
  • Aprobación dun plano de normalización da lingua para aplicación no ámbito da administración local e no ámbito social.
  • Valoración do coñecemento escrito e oral da lingua galega nas probas que se realicen na administración municipal.



O GOBERNO DINÁMICO E ILUSIONANTE

Un goberno cun programa para executar en catro anos que constitúe un contrato co pobo de Barbadás. Un goberno baseado na lealdade de todos e todas os seus membros e sobre todo aos compromisos de transformación real asumidos coa cidadanía. Un goberno baseado nun funcionamento áxil, dinámico e apegado á realidade e á actualidade.

  • Presidido polo Alcalde, Xosé Carlos Valcárcel Doval e como Tenente Alcalde; Xosé Manoel Fírvida Plaza.
  • A Alcaldía fará unha delegación xenérica de competencias a favor do tenente alcalde e dos concelleiros e concelleiras que contemplará todas as facultades, dereitos e deberes na materia ou área delegada agás as indelegábeis, co obxecto de garantir a capacidade de xestión na súa área. A delegación implica dirixir e impulsar as áreas atribuídas, facultade de resolver mediante actos administrativos, sinatura delegada, autorización de gasto en todas as súas fases até un máximo de 18.000 euros que serán recollidas nas Bases de Execución dos Orzamentos e previamente aprobadas na Xunta de Goberno, co informe preceptivo e vinculante de Intervención, sendo a Interventora a encargada do control das partidas de gasto de cada Concellería; autonomía na organización da área e nomeamentos de persoal, sempre que non supoña aumento do cadro de persoal. Está incluída a sinatura de convenios do Concello coa Administración que corresponda á área delegada; e no suposto de facelo nun acto público, serán presididos polo alcalde, dándolle o visto e prace aos mesmos tal e como estabelece o protocolo. No exercicio de competencias indelegábeis, a decisión política corresponderá á forza que ostente a área delegada e a decisión formal ao órgano unipersoal ou colexiado que a teña atribuída.
  • Os Plenos municipais terán unha periodicidade mensual e convocaranse o primeiro martes do mes a partir  das 19 horas, favorecendo a máxima proximidade e participación da veciñanza, mantendo as competencias que lle atribúe a lexislación vixente.
  • As Xuntas de Goberno Local terán unha periodicidade semanal e terá lugar os luns a partir das 19 horas.  Estará integrada polo Xosé Carlos Valcárcel (Alcalde), Xosé Manoel Fírvida Plaza (Tenente Alcalde), Ánxela González Cid,  Victoria Morenza Doforno e Margarita Pérez Fernández.
  • A proposta sobre asuntos de extrema importancia para o concello como os Orzamentos ou a súa modificación, Plan Xeral de Ordenación municipal ou a súa modificación, concesións ou rescate de servizos...., deberán ser adoptados por unanimidade na Xunta de Goberno Local.
  • Realizaranse reunións quincenais do equipo de goberno para programación do traballo, dación de contas de cada concellaría, abordar proxectos, programación de axenda, e demais asuntos relativos á actividade dos e das concelleiras.
  • As persoas que ostenten a representación da corporación en órganos colexiados defenderán nestes a posición do conxunto da corporación previamente definida. Estas representacións son as seguintes:
        No Grupo de Desenvolvemento Rural ou órgano que o substitúa no   futuro, Xosé Manoel Fírvida Plaza
        No consello escolar do CEIP Filomena Dato, Margarita Pérez Fernández
        No consello escolar do CEIP O Ruxidoiro, Margarita Pérez Fernández
        Na xunta local de seguridade, Victoria Morenza Doforno
        No Padroado de Expourense, Xosé Manoel Fírvida Plaza


Para dar cumprimento aos obxectivos políticos e programáticos dunha forma áxil e na procura do ben común acórdase estruturar o Goberno Municipal nas seguintes áreas de responsabilidade:

RESPONSABILIDADE DOS E DAS CONCELLEIRAS DO PsdG-PSOE
RESPONSABILIDADE DOS E DAS CONCELLEIRAS DO BNG
Alcaldía
Policía Local, Bombeiros e Protección Civil
Persoal e Réxime Interior
Infraestruturas, Vías, Obras e Servizos
Urbanismo e Vivenda
Deportes
Medio Ambiente, parques e xardíns e limpeza
Educación
Comercio e Formación

Tenente Alcalde
Facenda, Patrimonio e Cooperación
Promoción Económica, Turismo e Mobilidade
Servizos Sociais, Sanidade e Participación Veciñal
Cultura
Mocidade e Igualdade



Medios asignados a cada área de responsabilidade

Para a adecuada xestión política todas as áreas deben contar con suficiencia de recursos económicos polo que na elaboración anual dos orzamentos se terá en conta a prioridade na atención ás necesidades das persoas e polo tanto adoptaranse as medidas para que estes tendan ao equilibrio orzamentario entre as diferentes áreas e ámbitos de responsabilidade ao longo da lexislatura.

Elaboración dun inventario  de patrimonio municipal no que se inclúa a totalidade das instalacións e propiedades públicas municipais, no que consten as condicións de uso e estado,  para proceder á asignación das mesmas a cada área de goberno.

Nos primeiros meses de goberno procederase a auditar estes espazos co obxectivo de avaliar o seu estado e, no seu caso, esixir responsabilidades na súa adecuación e/ou rescate do uso por infrautilización, abandono ou incumprimento dos obxectivos da cesión.



O Goberno con adicación plena ás necesidades dos e das veciñas


Os grupos asinantes deste acordo conscientes da necesidade de compatibilizar o imprescindíbel aforro para o erario público coa máxima adicacións dos e das membros do Goberno Municipal á xestión municipal e á atención aos problemas e demandas do pobo.

Por esta razón, á vista da liquidación do orzamento do ano 2014 no que se consigna para as retribucións do goberno 162.000 euros anuais, as partes acordan reducir en máis de 25.000 euros a contía destinada ás retribucións e gastos salariais da corporación, aumentando case nun 70% as horas de dedicación das persoas con dedicación exclusiva.


As partes acordan que o tenente de alcalde (BNG), e catro concelleir@s, tres do PsdG-PSOE e un do BNG, asumirán as súas funcións con dedicación exclusiva aos labores municipais a xornada completa,  quedando estipuladas as seguintes retribucións por dedicacións exclusivas:

·         Tenente Alcalde, dedicación exclusiva a  tempo completo ao concello, cunha retribución neta de 1.800 euros mensuais  

·         4 concelleiros con dedicación exclusiva, xornada completa, cunha retribución neta mensual de 1.250 euros cada un/ha


Tamén se aborda a drástica redución das contías en concepto de indemnización por asistencia a órganos colexiados (Pleno, Xunta de Goberno Local, Comisións informativas e Xunta de Portavoces) para todos os concelleiros e concelleiras, agás os que teñan dedicación exclusiva que non teñen dereito a ningún tipo de indemnización. As contías fixadas son as seguintes:

·         Alcalde unha contía de 150 euros

·         Resto corporación, unha contía de 100 euros


Á vista da importancia democrática dos Grupos municipais e cumprindo as prescricións legais que obrigan á institución a poñer á súa disposición os medios materiais e económicos para realizar as súas funcións, acórdase establecer a seguinte asignación a todos os Grupos Municipais para que estes poidan facer fronte aos gastos previstos na lexislación vixente:

·         Asignación fixa por grupo 250 euros/mes

·         Asignación variábel 20 euros/concelleir@/mes


Este acordo, baseado nos principios éticos e de actuación expostos, e coas responsabilidades e medios anteditos ten como obxectivo fundamental realizar unha política de transformación substancial do noso concello, priorizando aquelas actuacións que contribúan a mellorar as condicións de vida dos e das veciñas, dinamizar a vida económica e social e promover a igualdade e a equidade. Para tal fin, as forzas asinantes asumen as seguintes medidas a desenvolver ao longo do mandato:








ACTUACIÓN PRIORITARIAS


Para garantir a equidade:

·         Implementar medidas adicadas a evitar os desafiuzamentos e de axuda ás persoas afectadas pola pobreza enerxética
·         Revisión dos pregos das concesións de servizos públicos en relación cos tramos e consumo e prezos públicos coa finalidade de, na medida das posibilidades, adecualas á realidade social e ao establecemento de bonificacións.
·         Revisión das taxas municipais para analizar a súa adecuación ao servizo que remuneran e á súa eventual conxelación e promover o fraccionamento do pagamento.
·         Negociar co Ministerio de Hacienda a posibilidade de revisar a valoración catastral dos bens inmobles de natureza urbana á vista da súa sobrevaloración actual en relación cos prezos de mercado


Para unha prestación adecuada dos servizos públicos:

·         Intensificar a negociación coa Xunta de Galiza para a inmediata construción dun Instituto de Ensino Secundario e un Centro de Saúde, nun lugar adecuado, no noso concello, comprometéndose o Goberno municipal a realizar de inmediato todas as xestións e disposicións no ámbito das súas competencias para poder verificar estas actuacións.
·         Xestionar coa administración autonómica a construción e dotación dunha segunda escola infantil
·         Impedir o peche do actual centro de saúde de Barbadás
·         Negociar coa Consellaría de Educación a apertura do comedor do CEIP O Ruxidoiro para prestar unha alimentación de sá, de calidade e adecuada ao seu alumnado.
  • Modernización do Concello, co impulso ás novas tecnoloxías e a implantación da Administración electrónica.
  • Estableceremos un sistema integrado de avisos e alertas mediante o uso das novas tecnoloxías para que calquera anomalia ou circunstancias escepcional (averias) poda ser posta en coñecemento dos servizos municipais e así ser atendida dun xeito coordenado e rápido.


Para a igualdade das persoas

  • Garantir en todas as actividades municipais respecto á igualdade e á diversidade. Eliminar os sesgos de xénero e que consoliden modelos persoais e familiares contrarios á diversidade.
  • Crear un área de atención á muller con asesoramento xurídico e psicosocial con especial énfase na atención á violencia
  • Actividades infantís tamén en colaboración cos colexios como actividades complementarias baseadas na educación en igualdade de xénero, na corresponsabilidade doméstica e na eliminación de roles.
  • Obradoiros dirixidos a mozos e mozas de educación afectivo sexual
  • Dotar a biblioteca pública dun espazo da muller con materias para todas as idades sobre identidade de xénero, sexualidade, etc. Realización de actividades que fagan visíbel o papel histórico e intelectual das mulleres en áreas científicas, históricas, artísticas.
  • Impulsar a creación de grupos de mulleres
  • Eliminar a publicidade sexista


Para unha vida plena para todas as persoas

  • Impulsarase, en colaboración coa administración autonómica, a construción e dotación dun Centro de día público, así como a axuda e servizos no fogar e as prestacións de apoio ás familias coidadoras.
  • Servizos de cangur@s para o coidado de crianzas
  • Impulsarase o cumprimento da lei galega de accesibilidade universal e supresión de barreiras arquitectónicas. Premio á accesibilidade para premiar iniciativas exemplares
  • Elaboraremos un plan de inclusión para persoas con diversidade funcional, promovendo a súa incorporación laboral
  • Habilitaremos un espazo de encontro da mocidade e do asociacionismo xuvenil dotándoo de medios e contidos e que funcionará en réxime de autoxestión.
  • Creación dunha Oficina municipal de información xuvenil para asesoramento sociolaboral á mocidade do concello.
  • Diversificación das actividades de lecer: coñecemento do patrimonio eco-xeográfico e histórico-artístico do país, achegamento das diferentes expresións artísticas e culturais á mocidade, promoción da banda deseñada, os grafittis, as danzas do país e alternativas, grupos de educación ambiental. Apoio e promoción das manifestacións artísticas de mozos e mozas do concello e a súa difusión.
  • Actividades de formación sobre consumo de drogas, trastornos alimentarios...


Para promover a cultura propia

  • Dinamización do Museo da Música de Barbadás.
  • Optimización da Casa da Cultura, incluída a biblioteca
  • Recuperación, posta en valor e difusión da  da cultura popular (artesanía, música, folclore...).
  • Actividades de animación á lectura e ao debate con especial apoio ao libro e publicacións periódicas en lingua galega.
  • Apoio á música e teatro e a danza impulsando a promoción do teatro, a danza e música afeizoado, criando escolas municipais e readaptando espazos. Celebración de mostras e circuítos musicais e teatrais.
  • Creación dunha emisora de radio municipal co principal cometido de trasladar á veciñanza información relativa a todos os aspectos da vida municipal
  • Inventariado e posta en valor dos bens de interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnográfico, científico ou de calquera outra índole.
  • Promoción de programas festivos, recuperación e promoción de festas e tradicións populares.


Para promover un desenvolvemento económico e social sustentábel:

  • A elaboración dun novo Plan xeral de ordenación municipal estará presidido pola transparencia e a procura do máximo consenso político e social
  • Medidas de colaboración e apoio ao comercio de proximidade
  • Elaborar un plan de dinamización turística baseado nas nosas potencialidades naturais, culturais e etnográficas.
  • Fomentar as festas locais, tradicionais, feiras e eventos.
  • Seguimento da extensión da banda larga de internet a todos os núcleos de poboación do concello. Formación para toda a poboación nas novas tecnoloxías.
  • Creación do Banco de emprego e iniciativa cooperativa para a xeración de emprego a través de cooperativas e entidades da economía social (sociedades laborais). Adhesión á Rede EUSUMO da Consellaría de Traballo co fin de facilitar trámites a potencias empresas do concellos, así como xestión das correspondentes axudas públicas.
  • Defensa dun modelo de desenvolvemento local centrado na posta en valor dos recursos endóxenos, potenciar o agro, a agricultura ecolóxica e fomentar as exposicións de produtos agrícolas e a súa transformación.
  • Transporte público municipal:  vertebración do concello a través do transporte público procurando: conexión entre os distintos núcleos de poboación do concello e adaptado ás necesidades dos e das veciñas.
  • Ademais, impulso ao transporte mancomunado cos concellos limítrofes


Para mellorar os espazos públicos e as aldeas:

Estas actuacións realizaranse de acordo cos e coas veciñas dos diferentes lugares:
  • Elaborar un plan plurianual de obras necesarias: vías, parques, xardíns, zonas verdes e deportivas
  • Crear unha Oficina de Rehabilitación para dar vida aos cascos antigos
  • Plan plurianual de mellora da pavimentación e do entorno rural nos núcleos rurais

Este pacto é un compromiso en todos os seus extremos para os e as persoas asinantes e as organizacións ás que representan, pero sobre todo é un pacto co pobo de Barbadás.

Asínase en Barbadás, cos e coas veciñas como testemuñas, o día 12 de maio de 2015.



Xosé Carlos Valcárcel Doval                         Xosé Manoel Fírvida Plaza



Victoria Morenza Doforno                            María Ánxela González Cid



José Rafael Sierra Carril                              Serafín Núñez Pérez



Margarita Pérez Fernández




Adrián Varela Vázquez











Acordo por un Goberno
para o pobo

2015-2019






Barbadás, 12 de xuño de 2015