luns, 22 de setembro de 2014

O PP NON APOIA Ó POLÍGONO VIRTUAL DE GALICIA

O CONCELLO DE BARBADÁS NÉGASE A PRESTAR COLABORACIÓN Ó POLÍGONO VIRTUAL DE GALICIA PARA PÓR EN MARCHA UNHA ESCOLA DE NEGOCIOS PARA EMPRENDEDORES

·         Freire argumenta que non se pode pór en funcionamento esta escola porque non dispón de 1 simple aula para impartir as clases

·        A cerrazón ante novas iniciativas é duramente criticada polo voceiro do PSdeG, Xosé Carlos Valcárcel.

·        Dende o PVdeG reprochan as trabas que se puxeron nestes meses ás propostas realizadas ó grupo de goberno

·        Esta actitude obstruccionista de Freire demostra que o alcalde de Barbadás incumpre os compromisos plenarios adoptados por unanimidade.

·         Segundo Freire “non hai espazo disponible para ubicar a escola de negocios de maneira continuada”, engadindo que teñen á súa disposición o salón de actos do Centro Empresarial Transfronteirizo sempre que non estea ocupado por outras actividades.

·          Cando se aprobou a moción do Grupo Socialista en xullo só estaba adherido ó PVdeG o Concello de Amoeiro, pero na actualidade están os concellos de Toén, Castrelo de Miño, Cenlle, Ribadavia, Maside, O Barco e varias concellerías do Concello de Ourense

·        Tamén forman parte deste polígono virtual os 3 centros comerciais abertos da cidade de Ourense, así coma os de Verín, O Barco, Carballiño e Celanova.


Barbadás, 22 de setembro de 2014. Xosé Carlos Valcárcel é moi crítico coa cerrazón do alcalde ante a posta en funcionamento en Barbadás do Polígono Virtual de Galicia. O voceiro do PSdeG lembra que en xullo de este ano foi aprobada unha moción presentada polo PSdeG para pór en marcha un proxecto de aceleración empresarial, do emprendemento e do comercio local en Barbadás mediante a negociación dun convenio de colaboración co PVdeG.
         En agosto Valcárcel interesouse polos avances no cumprimento deste acordó porque o Polígono Virtual estaba realizando xestións para crear unha escola de negocios que podería ser ubicada en Barbadás. Esta escola, que pretendía iniciar a súa actividade en setembro precisaba dunha ubicación física, “podendo ser unha oportunidade única para proxectar Barbadás en toda a provincia coma un lugar que aposta polo futuro no que afecta ó emprego e á dinamización empresarial”, destaca Valcárcel.
         Segundo o líder socialista “non se pode deixar pasar de longo deixar pasar de longo esta oportunidade para todo o noso concello”. Dende o Grupo Socialista quixeron saber a través de preguntas formais se o Concello realizou algunha xestión para iniciar as negociacións para asinar un convenio co PVdeG.
         A resposta foi sorprendente porque o alcalde, nun alarde de prepotencia, afirma que non se iniciaron contactos porque “tratándose dun convenio calquera das partes pode poñerse en contacto coa outra e se por parte do PVdeG teñen interese contan con persoal do Concello para iniciar calquera xestión”.
         Nas respostas, contestadas máis dun mes despois, xa que foron presentadas as preguntas o 1 de agosto e respondidas  con data de 4 de setembro, explícase que “non hai espazo disponible para ubicar a escola de negocios de maneira continuada”, engadindo que teñen á súa disposición o salón de actos do Centro Empresarial Transfronteirizo sempre que non estea ocupado por outras actividades. Esta postura de intransixencia é criticada polo PSdeG “porque demostra ás claras que non existe un interese real por parte do grupo de goberno para iniciar unha liña de colaboración co PVdeG”, reprocha Valcárcel.
Segundo o voceiro socialista “é evidente que o desinterese pola promoción do comercio local e a promoción da actividade emprendedora non son unha prioridade”. Valcárcel censura que Freire aprobe iniciativas socialistas “porque non lle queda outro remedio, ó tratarse de propostas construtivas que redundan na mellora da economía local, pero que o fai de cara á galería porque incumpre sempre os seus acordos plenarios”.
         Cando se aprobou a moción en xullo só estaba adherido ó PVdeG o Concello de Amoeiro, pero na actualidade están os concellos de Toén, Castrelo de Miño, Cenlle, Ribadavia, Maside, O Barco, varias concellerías do Concello de Ourense. Tamén forman parte deste polígono virtual os 3 centros comerciais abertos da cidade de Ourense, así coma os de Verín, O Barco, Carballiño e Celanova.
         Dende o PSdeG lembran que foron tantas as reticencias ante o inicio dunha colaboración e da posta a disposición dun simple local que a mencionada escola de negocios estivo a piques de non instalarse neste municipio. Finalmente, a importancia de Barbadás coma un dos concellos máis importantes da provincia foi a razón pola que os seus xestores decidiron abrir unha liña de colaboración con unha entidade privada e finalmente a escola de negocios porase en marcha en Barbadás para outorgar formación durante 6 meses a 20 emprendedores.
         Pero o feito de que a escola de negocios quede en Barbadás non foi grazas ó apoio institucional que “non foi quen de disponer dunha aula para impartir formación que redundará na mellora da economía local”, afirma Valcárcel, quen lamenta que “unha vez máis Freire demostre que non ten visión de futuro nin sensibilidade con proxectos innovadores”. A escola de negocios desenrolarase finalmente na academia Labora, ubicada na Valenzá, o que demostra que unha vez máis tivo que ser a iniciativa privada a que se fixo cargo de iniciativas que podería asumilas perfectamente o Concello de Barbadás.

O único que demostrou o goberno do PP en relación co PVdeG foi pasividade a través dunha postura obstruccionista. Tamén se puxeron trabas dende o grupo de goberno á hora de colaborar para organizar unha serie de actividades por parte do PVdeG en locales de hostelería durante o verán argumentando que a plantilla da policía local estaba na súa maioría de vacacións. Este tipo de actitudes son propias dun goberno que non aposta por avances no seu concello e só fai actuacións para cubrir o expediente, reprocha Valcárcel.

http://www.ourensedixital.com/_novas/14/09/22_02.htm

mércores, 10 de setembro de 2014

RESUMO PLENO SETEMBRO 2014 (inclúe enlaces da prensa)

O ÚNICO COMPROMISO DE FREIRE CO NOVO CENTRO DE SAÚDE DA VALENZÁ REDÚCESE A QUE SE SE FARÁ “CANTO ANTES”

·          Para os  Socialistas esta imprecisión demostra o pouco peso político de Freire para presionar e acadar as dotacións pendentes para Barbadás

·         Unha nova modificación do proxecto dilatará no tempo a construcción do centro médico, pendente de materializarse dende hai 12 anos


·         A edil Victoria Morenza (o voceiro do PSdeG non puido acudir á sesión) lembroulle a Freire que “o Concello nunca actuou de forma proactiva neste asunto e sempre o fixo a remolque da Xunta”.

·         Dende o PSdeG lembráronlle a Freire que o seu posicionamento en contra do sector de Feijóo estalle pasando neste e noutros proxectos pendentes factura ós cidadáns de Barbadás

·         Dende o PSdeG foron moi críticas co deixamento que protagonizou Freire durante décadas respecto da protección da salubridade pública

·         Freire escudouse na modificación da normativa que se esixe respecto do arsénico e que pasou de ser 20 unidades de  gramo por litro a ser 10 unidades.

·         Morenza lamentou que non se actuara dende o Concello cando houbo queixas de varios veciños que tiveron problemas cutáneos provocados supostamente pola presenza de arsénico na auga

·         Dende o PP anunciaron que non se cambiará a rede de abastecemento ata que non se comprobe que se atopa en mal estado. A solución pasa pola asunción do Concello dos custos das obras para bombear a auga dende Bentraces

·         O grupo de goberno vota en contra de melloras nunha das rúas máis transitadas da Valenzá, a Tomás Rodríguez Punxín.

·         O equipo de Freire aproveita nun claro alarde de oportunismo as alegacións presentadas polo PSdeG á ordenanza do imposto do IBI para introducir unha nova bonificación


Barbadás, 10 de setembro de 2014. “Canto antes”. Este é o único compromiso que asumiu o alcalde ante a moción presentada polo Grupo Socialista para instar á Xunta a licitar e iniciar as obras do centro de saúde da Valenzá de xeito inmediato.
         O rexedor de Barbadás, José Manuel Freire, apoiou a moción do PSdeG, pero dixo que non podía asumir ningún tipo de compromiso porque non era competencia do concello, senón da Xunta. O voceiro socialista, Xosé Carlos Valcárcel, non puido acudir hoxe á sesión plenaria. A concelleira Victoria Morenza lembroulle ó alcalde os incumprimentos reiterados dende hai 12 respecto a este asunto e dixo botar de menos unha postura contundente para reclamar o inicio das obras.
         Freire xustificou o novo retraso na construcción do novo centro médico asegurando que se está elaborando unha nova modificación do proxecto en relación co muro.
Morenza lembroulle a Freire que “o Concello nunca actuou de forma proactiva neste asunto e sempre o fixo a remolque da Xunta”. O goberno de Barbadás non cumpriou no seu día coas esixencias da Xunta respecto dos terreos, pois nun principio puxéronse a disposición menos metros cadrados dos que se precisaban. Ó non cumprirse os prazos na posta a disposición dos terreos o proxecto foise dilatando e “agora en plena crise económica todo son escusas” para xustificar novos retrasos, matizou a edil socialista.
         Dende o PSdeG lembráronlle a Freire que o seu posicionamento en contra do sector de Feijóo (ó ser coñecido ó seu apoio incondicional a Baltar) estalle pasando neste e noutros proxectos pendentes factura ós cidadáns de Barbadás. Morenza reprochoulle o pouco peso político que na actualidade ten Freire á hora de reclamar á Xunta de Galicia non só porque xa anunciou que non se vai presentar á reelección como alcalde, senón tamén por estar imputado e por ter sido multado por fraude fiscal.
         Morenza reprochoulle a Freire que “con políticos coma vostede “que prometen unha cousa e fan outra non é estrano que a cidadanía nos mire mal porque é vostede o vivo exemplo dos políticos que tanto daño fan á democracia do noso país. A pesar da imprecisión no apoio de Freire á moción socialista, foi aprobada por unanimidade. Morenza lamentou que o PP apoie algo que sabe de antemán que non pode cumprir, motivo polo que non se entende a doble moral do grupo de goberno.


Arsénico en Loiro

Desidia, deixadez, abandono, pasotismo, neglixencia, desinterese. Tentamos buscar unha palabra que defina a actitude do alcalde respecto da situación de “potabilidade” da auga en Loiro e non conseguimos atopar unha definición que englobe o que ten acontecido nos últimos anos, afirmou Morenza
Falamos de anos porque durante anos, incluso décadas ó alcalde non lle preocupou en absoluto a calidade da auga que estaban bebendo os veciños e veciñas de Loiro. A Freire non lle importou comprobar as características da auga dun pobo de aproximadamente 130 habitantes.
O Concello ten competencia (segundo recolle o artigo 25.2 h) na protección da salubridade pública. Esto significa que o máximo responsable do Concello de Barbadás, o señor alcade, fixo deixamento das súas funcións durante os anos 27 anos que leva gobernando.   ¿Durante todo este tempo non foi quen de interesarse polo estado da auga de Loiro?
E tivo que ser unha inspección rutinaria da Consellería de Sanidade a que puxo ó descuberto a presenza de arsénico na auga de Loiro. E foi entón, só entón cando as autoridades locais se viron na obriga de actuar e exercer a competencia de velar pola salubridade pública. Pero ata ese momento os veciños estiveron bebendo auga con uns niveis elevadísimos de arsénico.
Hoxe ten que dar vostede señor alcalde explicacións sobre este controvertido asunto. Ten que explicar á cidadanía por qué non se fixeron análises para comprobar a presenza de arsénico na auga.
         Freire afirmou que cada 2 meses fixéronse análises rutinarios da auga de Loiro e non se atopou nada e xustificou a aparición de niveis moi altos de arsénicos no feito de que cambiou a normativa vixente, é dicir, se antes se permitía ata 20 unidades de gramo por litro, agora só o mínimo pasou a 10. O alcalde negou calquera tipo de neglixencia do Concello e anunciou que se van invertir 15.000 euros para o bombeo da auga desde Bentraces. Dixo tamén que non se vai reponer a rede de abastecemento porque antes de que chegue auga ás casas “vanse facer análises e se a actual rede funciona, de momento non se vai reponer”. Anunciou que se procederá á limpeza do actual depósito e unha vez saneado e despois dos correspoendetes análises, “decidirase se se segue utilizando”.
         Os Socialistas reprocháronlle que “dado que a rede de abastecemento e a xestión vai ser realizada por unha empresa e a vai costear o Concello, o normal é que os veciños, que no seu día pagaron a instalación, reciban unha contraprestación”. Sen embargo, Freire negouse a aceptar esta posibilidade asegurando que os veciños cederon en dúas asembleas a xestión da auga ó Concello e agora terán que pagala (pois ata antes de aparecer arsénico era gratuita).
Morenza preguntoulle a Freire por qué non se fixeron hai meses análises de arsénico (pois este tipo de parámetro só se atopa facendo unha análise específica) tendo en conta que houbo queixas de persoas que foron a vivir a Loiro de que a auga podería ter unha substancia que estaba provocando problemas cutáneos. Esto ocurría supostamente porque as persoas que usaron sempre esta auga xa se puideron facer inmunes ós seus efectos.
Rúa Tomás Rodríguez Punxín
         O PP votou en contra dunha moción do PSdeG para solucionar as deficiencias que aínda segue presentando a rúa Tomás Rodríguez Punxín. A concelleira socialista María Presas resaltou a necesidade de actuar nesta zona para eliminar as barreiras arquitectónicas que existen. Destacou o paso diario de un mínimo de 500 persoas polas inmediacións da rúa ó tratarse dunha zona de tránsito escolar (atópanse preto a gardería municipal e o colexio público e tamén o local da terceira idade).
A moción socialista reclama:
·       Que se remate o tramo de beirarrúa que está a altura do Nº 22.
·       Que se elimine o paso de peóns á saída dun garaxe.
·       Que se poñan pasos de peóns elevados para mellorar a seguridade viaria na zona.
·       Que se supriman as barreiras arquitectónicas nos pasos de peóns que existen ó longo do vial e no entronque coa rúa Garrida.
·       Sinalización axeitada dos pasos de peóns.
·       Que se aumente o número de papeleiras e se instalen colectores de recollida selectiva de lixo.
·       Que se mellore a intensidade lumínica da zona.

A argumentación do alcalde para votar en contra da moción foi recorrente ó longo de todo o pleno. Freire asegura que a partir do 20 de setembro vai ser operativa unha partida de 100.000 euros para este tipo de obras, así como para parques e xardíns. Para os Socialistas esto é só unha escusa para non realizar todas as cuestión pendentes. Reprocháronlle ademais que vai utilizar esa modificación de crédito con fins claramente electoralistas.
Bonificacións IBI
         No debate das alegacións presentadas polo PSdeG á modificación da ordenanza reguladora do imposto do IBI resultou sorprendente o uso partidista que se lle outorgou ó asunto por parte do PP. O Partido Socialista presentou 6 alegacións e o PP aproveitou dúas delas para introducir unha nova bonificación: fraccionando o pago semestralmente para os impostos de máis de 200 euros (o PSdeG propoñía fixar o límite en 150 euros), pero coa condición de que os recibos sexan domiciliados.
         Morenza tilda de oportunista esta mestura das alegacións socialistas, reprochándolle a Freire que non fixera o PP a súa propia proposta e se aproveite finalmente das iniciativas socialistas.
O PP votou en contra das alegacións de PSdeG e BNG. Na aprobación definitiva da modificación da ordenanza o PP votou a favor, o BNG en contra e o PSdeG abstívose.
Para calquera aclaración podedes chamar a Xosé Carlos Valcárcel (Voceiro socialista en Barbadás)- Tfno.:  605 08 18 98


Dirección da Páxina Web do PSdeG en Barbadás: www.barbadás.psoe.es
Facebook: Agrupación Socialista de Barbadás, Amigo Socialista de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, Victoria Morenza
Twiter: @cambiabarbadas, @xosevalcarcel, @vicmorenzadof
Blog: www.cambiabarbadas.blogspot.com











domingo, 7 de setembro de 2014

O PP DI NON ÁS BONIFICACIÓNS DO IBI PROPOSTAS POR PSdeG

OS SOCIALISTAS DE BARBADÁS LAMENTAN QUE NON SE ACEPTEN AS PROPOSTAS SOCIALISTAS PARA BONIFICACIÓNS NO IBI MENTRAS NOUTROS CONCELLOS GOBERNADOS POLO PP APLÍCANAS DENDE HAI ANOS


·        As propostas do PSdeG non están nin fóra da realidade nin da legalidade, tal e como se asegura nos informes técnicos emitidos, argumenta Xosé Carlos Valcárcel.


·        O voceiro socialista alude a que unha proba delo é “que boa parte das mesmas están sendo aplicadas nun concello gobernado polo PP desde hai anos como é o de Granada sin ter sido impugnadas.


  •  Hai concellos incluso que aplican bonificacións a inmobles alugados a mulleres maltratadas, “un exemplo do que se pode facer cunha ordenanza na que se quere ter en conta o aspecto social e con vontade política pódese facer”, sinala o líder do PSdeG.


·        Os Socialistas propoñen aplicar unha bonificación do 5% da cota do tributo cando o seu pago se realice mediante domiciliación bancaria.
·        Tamén pretendían que se establecera unha bonificación do 40% da cota íntegra a favor de inmobles cuxo titular sexa unha persoa procedente do desemprego e haxa iniciado unha actividade empresarial por conta propia.
·        Outra das proposta é adoptar unha bonificación do 40% a aqueles inmobles nos que o titular acredite a creación de emprego no exercicio anterior ó do devengo do tributo. Esta bonificación só se manterá nos casos no que os postos de traballo teñan un período mínimo de contratación dun ano e aumentando a plantilla da empresa.
·        Valcárcel incidiu nas alegacións que se permita o fraccionamento semestral cando o importe total anual supere os 150 €.
·        Dende o PSdeG consideran importante eliminar a bonificación do 50% que beneficia ás empresas de urbanización, construción e promoción inmobiliaria.
 Barbadás, 7 de setembro de 2014. O voceiro do PSdeG, Xosé Carlos Valcárcel, lamenta que unha vez máis non se teñan incluido as propostas construtivas feitas polo seu grupo para mellorar as bonificacións que se poderían introducir en relación co Imposto de Bens Inmobles. Valcárcel afirma que “no Grupo Socialista non dubidamos da boa calidade do traballo realizado polos técnicos. Pero independentemente delo consideramos que ten que existir unha vontade política de ir máis aló cando a situación económica da cidadanía é de moi difícil e cando todas as administracións teñen que apostar pola atención social e a creación de emprego”.
         As propostas do PSdeG non están nin fóra da realidade nin da legalidade, tal e como se asegura nos informes técnicos emitidos, e a proba é que boa parte das mesmas están sendo aplicadas nun concello gobernado polo PP desde hai anos como é o de Granada sin ter sido impugnadas. 
         Hai concellos incluso que aplican bonificacións a inmobles alugados a mulleres maltratadas. Esto é un exemplo do que se pode facer cunha ordenanza na que se quere ter en conta o aspecto social e con vontade política pódese facer.

No Grupo Municipal Socialista consideramos que a reducción do tipo de gravame no Imposto de Bens Inmobles tiña que haber sido aplicado hai xa varios anos. De feito o PSdeG de Barbadás  solicitou en dúas ocasións por medio de mocións, que o PP rexeitou, que se reducira o tipo de gravame ó 0,4% en maio do 2008 e en xuño do 2013.
O que propón o goberno municipal do PP con 6 anos de retraso é unha simple reducción do tipo de gravame.  Pero unha ordenanza da importancia que  ésta ten e que afecta a toda a cidadanía do concello  debe servir tamén para introducir criterios de xustiza social e equidade fiscal E nestes tempos de crise máis ca nunca.  Pero tamén debe ser útil para apostar pola creación de emprego.
Nesta ordenanza non se modifican as bonificacións que no Partido Socialista de Barbadás consideramos totalmente insuficientes e que xa propuxemos incrementar no 2008. A actual situación económica xustifica que as bonificacións se modifiquen sustancialmente.
         As bonificacións que se contemplan na ordenanza non responden á realidade actual e teñen que ampliarse ós más prexudicados pola crise e que contan con escasos ingresos. Ademais debe fomentar a actividade económica.

1.     Atendendo ó principio de capacidade económica previsto no artigo 3.1 da lei xeral tributaria 58/2003 de 17 de decembro, os suxeitos pasivos deste imposto terán unha bonificación do 20% da cota íntegra do tributo cando os ingresos ingresos anuais da unidade familiar non superen 1,5 veces o salario mínimo interprofesional e sempre e cando sexa propietario dunha única vivenda.
2.     Aplicar unha bonificación do 5% da cota do tributo cando o seu pago se realice mediante domiciliación bancaria.
3.     Establecer unha bonificación do 40% da cota íntegra a favor de inmobles cuxo titular sexa unha persoa procedente do desemprego e haxa iniciado unha actividade empresarial por conta propia.
4.     Adoptar unha bonificación do 40% a aqueles inmobles nos que o titular acredite a creación de emprego no exercicio anterior ó do devengo do tributo. Esta bonificación só se manterá nos casos no que os postos de traballo teñan un período mínimo de contratación dun ano e aumentando a plantilla da empresa.
5.     Permitir o fraccionamento semestral cando o importe total anual supere os 150 €.

6.     Eliminar a bonificación do 50% que beneficia ás empresas de urbanización, construción e promoción inmobiliaria. 

sábado, 6 de setembro de 2014

RENOVACIÓN DA REDE DE AUGA DE LOIRO

O PSdeG DE BARBADÁS PRESENTA UNHA INICIATIVA PARA QUE SE SOLVENTEN DE XEITO DEFINITIVO OS PROBLEMAS DO SUBMINISTRO DE AUGA  DE LOIRO

Barbadás. Agosto de 2014

  • O voceiro do PSdeG, Xosé Carlos Valcárcel, é moi crítico coa actitude obscurantista do alcalde e acusa de grave neglixencia ó grupo de goberno do PP

  • Os socialistas son moi críticos co tratamento que se lle está dando ó asunto por parte dos responsables municipais porque o proceso caracterizouse por unha gran desinformación.

  • Dende o Partido Socialista repróchase que non se informara aos veciños de xeito transparente, pois publicouse un bando e non se informaba da gravidade da situación.

  • Segundo Valcárcel o Concello debeu ter convocado ós veciños e dar conta da situación da presencia de arsénico na auga, así como ofrecer solucións.

  • Lembran dende o PSdeG que tanto Concello como Viaqua incumpriron o compromiso adquirido en 2012 para ampliar a rede de saneamento.

  • Na moción que o PSdeG presenta para o seu debate no pleno de setembro proponse que se estude a posibilidade de que os veciños sigan xestionando o subministro de auga.

  • En caso de non ser viable esta proposta, os Socialistas esixen que a cambio da cesión da xestión da auga se substitúa totalmente a rede de abastecemento.

  • Para o Grupo Socialista o arranxo da situación pasa por buscar unha solución definitiva e non de enganar á veciñanza con melloras puntuais.

                             Axúdanos a mellorar o noso concello, contacta con nós:

Ø   Blog: www.cambiabarbadas.blogspot.com
Ø  Páxina web: www.barbadás.psoe.es
Ø  Tfno.: 667  38 21 16
Ø  Facebook: Agrupación Socialista de Barbadás; Xosé Carlos Valcárcel; Victoria Morenza; Amigo Socialista de Barbadás.
Ø  Twiter:@cambiabarbadas;@xosevalcarcel; @vicmorenzadof
Ø  Sede: Rúa do Areal 9 , A Valenzá (luns de 18,00 a 20,00 horas)