mércores, 10 de setembro de 2014

RESUMO PLENO SETEMBRO 2014 (inclúe enlaces da prensa)

O ÚNICO COMPROMISO DE FREIRE CO NOVO CENTRO DE SAÚDE DA VALENZÁ REDÚCESE A QUE SE SE FARÁ “CANTO ANTES”

·          Para os  Socialistas esta imprecisión demostra o pouco peso político de Freire para presionar e acadar as dotacións pendentes para Barbadás

·         Unha nova modificación do proxecto dilatará no tempo a construcción do centro médico, pendente de materializarse dende hai 12 anos


·         A edil Victoria Morenza (o voceiro do PSdeG non puido acudir á sesión) lembroulle a Freire que “o Concello nunca actuou de forma proactiva neste asunto e sempre o fixo a remolque da Xunta”.

·         Dende o PSdeG lembráronlle a Freire que o seu posicionamento en contra do sector de Feijóo estalle pasando neste e noutros proxectos pendentes factura ós cidadáns de Barbadás

·         Dende o PSdeG foron moi críticas co deixamento que protagonizou Freire durante décadas respecto da protección da salubridade pública

·         Freire escudouse na modificación da normativa que se esixe respecto do arsénico e que pasou de ser 20 unidades de  gramo por litro a ser 10 unidades.

·         Morenza lamentou que non se actuara dende o Concello cando houbo queixas de varios veciños que tiveron problemas cutáneos provocados supostamente pola presenza de arsénico na auga

·         Dende o PP anunciaron que non se cambiará a rede de abastecemento ata que non se comprobe que se atopa en mal estado. A solución pasa pola asunción do Concello dos custos das obras para bombear a auga dende Bentraces

·         O grupo de goberno vota en contra de melloras nunha das rúas máis transitadas da Valenzá, a Tomás Rodríguez Punxín.

·         O equipo de Freire aproveita nun claro alarde de oportunismo as alegacións presentadas polo PSdeG á ordenanza do imposto do IBI para introducir unha nova bonificación


Barbadás, 10 de setembro de 2014. “Canto antes”. Este é o único compromiso que asumiu o alcalde ante a moción presentada polo Grupo Socialista para instar á Xunta a licitar e iniciar as obras do centro de saúde da Valenzá de xeito inmediato.
         O rexedor de Barbadás, José Manuel Freire, apoiou a moción do PSdeG, pero dixo que non podía asumir ningún tipo de compromiso porque non era competencia do concello, senón da Xunta. O voceiro socialista, Xosé Carlos Valcárcel, non puido acudir hoxe á sesión plenaria. A concelleira Victoria Morenza lembroulle ó alcalde os incumprimentos reiterados dende hai 12 respecto a este asunto e dixo botar de menos unha postura contundente para reclamar o inicio das obras.
         Freire xustificou o novo retraso na construcción do novo centro médico asegurando que se está elaborando unha nova modificación do proxecto en relación co muro.
Morenza lembroulle a Freire que “o Concello nunca actuou de forma proactiva neste asunto e sempre o fixo a remolque da Xunta”. O goberno de Barbadás non cumpriou no seu día coas esixencias da Xunta respecto dos terreos, pois nun principio puxéronse a disposición menos metros cadrados dos que se precisaban. Ó non cumprirse os prazos na posta a disposición dos terreos o proxecto foise dilatando e “agora en plena crise económica todo son escusas” para xustificar novos retrasos, matizou a edil socialista.
         Dende o PSdeG lembráronlle a Freire que o seu posicionamento en contra do sector de Feijóo (ó ser coñecido ó seu apoio incondicional a Baltar) estalle pasando neste e noutros proxectos pendentes factura ós cidadáns de Barbadás. Morenza reprochoulle o pouco peso político que na actualidade ten Freire á hora de reclamar á Xunta de Galicia non só porque xa anunciou que non se vai presentar á reelección como alcalde, senón tamén por estar imputado e por ter sido multado por fraude fiscal.
         Morenza reprochoulle a Freire que “con políticos coma vostede “que prometen unha cousa e fan outra non é estrano que a cidadanía nos mire mal porque é vostede o vivo exemplo dos políticos que tanto daño fan á democracia do noso país. A pesar da imprecisión no apoio de Freire á moción socialista, foi aprobada por unanimidade. Morenza lamentou que o PP apoie algo que sabe de antemán que non pode cumprir, motivo polo que non se entende a doble moral do grupo de goberno.


Arsénico en Loiro

Desidia, deixadez, abandono, pasotismo, neglixencia, desinterese. Tentamos buscar unha palabra que defina a actitude do alcalde respecto da situación de “potabilidade” da auga en Loiro e non conseguimos atopar unha definición que englobe o que ten acontecido nos últimos anos, afirmou Morenza
Falamos de anos porque durante anos, incluso décadas ó alcalde non lle preocupou en absoluto a calidade da auga que estaban bebendo os veciños e veciñas de Loiro. A Freire non lle importou comprobar as características da auga dun pobo de aproximadamente 130 habitantes.
O Concello ten competencia (segundo recolle o artigo 25.2 h) na protección da salubridade pública. Esto significa que o máximo responsable do Concello de Barbadás, o señor alcade, fixo deixamento das súas funcións durante os anos 27 anos que leva gobernando.   ¿Durante todo este tempo non foi quen de interesarse polo estado da auga de Loiro?
E tivo que ser unha inspección rutinaria da Consellería de Sanidade a que puxo ó descuberto a presenza de arsénico na auga de Loiro. E foi entón, só entón cando as autoridades locais se viron na obriga de actuar e exercer a competencia de velar pola salubridade pública. Pero ata ese momento os veciños estiveron bebendo auga con uns niveis elevadísimos de arsénico.
Hoxe ten que dar vostede señor alcalde explicacións sobre este controvertido asunto. Ten que explicar á cidadanía por qué non se fixeron análises para comprobar a presenza de arsénico na auga.
         Freire afirmou que cada 2 meses fixéronse análises rutinarios da auga de Loiro e non se atopou nada e xustificou a aparición de niveis moi altos de arsénicos no feito de que cambiou a normativa vixente, é dicir, se antes se permitía ata 20 unidades de gramo por litro, agora só o mínimo pasou a 10. O alcalde negou calquera tipo de neglixencia do Concello e anunciou que se van invertir 15.000 euros para o bombeo da auga desde Bentraces. Dixo tamén que non se vai reponer a rede de abastecemento porque antes de que chegue auga ás casas “vanse facer análises e se a actual rede funciona, de momento non se vai reponer”. Anunciou que se procederá á limpeza do actual depósito e unha vez saneado e despois dos correspoendetes análises, “decidirase se se segue utilizando”.
         Os Socialistas reprocháronlle que “dado que a rede de abastecemento e a xestión vai ser realizada por unha empresa e a vai costear o Concello, o normal é que os veciños, que no seu día pagaron a instalación, reciban unha contraprestación”. Sen embargo, Freire negouse a aceptar esta posibilidade asegurando que os veciños cederon en dúas asembleas a xestión da auga ó Concello e agora terán que pagala (pois ata antes de aparecer arsénico era gratuita).
Morenza preguntoulle a Freire por qué non se fixeron hai meses análises de arsénico (pois este tipo de parámetro só se atopa facendo unha análise específica) tendo en conta que houbo queixas de persoas que foron a vivir a Loiro de que a auga podería ter unha substancia que estaba provocando problemas cutáneos. Esto ocurría supostamente porque as persoas que usaron sempre esta auga xa se puideron facer inmunes ós seus efectos.
Rúa Tomás Rodríguez Punxín
         O PP votou en contra dunha moción do PSdeG para solucionar as deficiencias que aínda segue presentando a rúa Tomás Rodríguez Punxín. A concelleira socialista María Presas resaltou a necesidade de actuar nesta zona para eliminar as barreiras arquitectónicas que existen. Destacou o paso diario de un mínimo de 500 persoas polas inmediacións da rúa ó tratarse dunha zona de tránsito escolar (atópanse preto a gardería municipal e o colexio público e tamén o local da terceira idade).
A moción socialista reclama:
·       Que se remate o tramo de beirarrúa que está a altura do Nº 22.
·       Que se elimine o paso de peóns á saída dun garaxe.
·       Que se poñan pasos de peóns elevados para mellorar a seguridade viaria na zona.
·       Que se supriman as barreiras arquitectónicas nos pasos de peóns que existen ó longo do vial e no entronque coa rúa Garrida.
·       Sinalización axeitada dos pasos de peóns.
·       Que se aumente o número de papeleiras e se instalen colectores de recollida selectiva de lixo.
·       Que se mellore a intensidade lumínica da zona.

A argumentación do alcalde para votar en contra da moción foi recorrente ó longo de todo o pleno. Freire asegura que a partir do 20 de setembro vai ser operativa unha partida de 100.000 euros para este tipo de obras, así como para parques e xardíns. Para os Socialistas esto é só unha escusa para non realizar todas as cuestión pendentes. Reprocháronlle ademais que vai utilizar esa modificación de crédito con fins claramente electoralistas.
Bonificacións IBI
         No debate das alegacións presentadas polo PSdeG á modificación da ordenanza reguladora do imposto do IBI resultou sorprendente o uso partidista que se lle outorgou ó asunto por parte do PP. O Partido Socialista presentou 6 alegacións e o PP aproveitou dúas delas para introducir unha nova bonificación: fraccionando o pago semestralmente para os impostos de máis de 200 euros (o PSdeG propoñía fixar o límite en 150 euros), pero coa condición de que os recibos sexan domiciliados.
         Morenza tilda de oportunista esta mestura das alegacións socialistas, reprochándolle a Freire que non fixera o PP a súa propia proposta e se aproveite finalmente das iniciativas socialistas.
O PP votou en contra das alegacións de PSdeG e BNG. Na aprobación definitiva da modificación da ordenanza o PP votou a favor, o BNG en contra e o PSdeG abstívose.
Para calquera aclaración podedes chamar a Xosé Carlos Valcárcel (Voceiro socialista en Barbadás)- Tfno.:  605 08 18 98


Dirección da Páxina Web do PSdeG en Barbadás: www.barbadás.psoe.es
Facebook: Agrupación Socialista de Barbadás, Amigo Socialista de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, Victoria Morenza
Twiter: @cambiabarbadas, @xosevalcarcel, @vicmorenzadof
Blog: www.cambiabarbadas.blogspot.com











Ningún comentario:

Publicar un comentario