domingo, 2 de xuño de 2013

NON Ó PECHE DA ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL EN AGOSTO


O PECHE DA ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL DE BARBADÁS EN AGOSTO É UN RETROCESO NA CONCILIACIÓN DA VIDA FAMILIAR E LABORAL.

 

O PSdeG presenta 2 alegacións contra o peche e súmase á campaña de recollida de sinaturas para posicionarse contra esta decisión

 

            A necesidade deconciliar a vida familiar e laboral é unha realidade que afecta a numerosas familias nun concello en continuo crecemento e no que a maioría das familias son persoas xóvenes e con dous fillos ou máis. Con este perfil de usuarios da escola infantil resulta contraproducente impoñer o peche das instalacións durante o mes de agosto argumentando que se fai para que os cativos e cativas teñan vacacións de xeito obrigatorio e no mes de agosto.

            O Grupo Municipal Socialista presenta esta alegación porque non está de acordo co peche da escola infantil durante o mes de agosto. Queremos mostrar ademais a nosa discrepancia co sistema utilizado por parte do grupo de goberno, pois de un xeito unilateral adoptouse unha decisión que é contraria a un dos principais avances da sociedade actual, é dicir, a posibilidade de conciliar o traballo dos pais e nais coa atención ós seus fillos.

            Non se tiveron en conta as necesidades e as inquedanzas dunha parte importante dos usuarios da escola e non se contou con eles para tomar unha determinación que afecta á organización das familias. Algúns dos proxenitores afectados polo peche iniciaron unha recollida de sinaturas para deixar claro que “non están conformes co peche da gardería en agosto por ser un servizo imprescindible para os pais e nais que traballan eses mes”

            Esta campaña de recollida de firmas pretende chamar a atención sobre a posibilidade de estudar outras solucións que non impliquen o peche total das instalacións, como establecer turnos de monitores ou introducir durante este período horarios intensivos. Os pais e nais argumentan que o peche en agosto deixaría ás crianzas nunha situación de indefensión durante este período ó ter que adaptarse a outro lugar. Tamén se produce un importante prexuizo para as familias afectadas que terán que facer encaixe de bolillos para que os seus fillos estean atendidos.

            O Grupo Socialista suscribe punto por punto as reivindicacións, plantexamentos e propostas realizados por os/ pais e nais afectados/as. E fai chegar ó Concello de Barbadás un conxunto de sinaturas recollidas durante as últimas semanas e que supoñen unha materialización do malestar que xerou esta decisión. Con data 1 de xuño foron recollidas polo colectivo de afectados un total de 153 sinaturas, pero nos vindeiros días e ata o debate en pleno da modificación do regulamento e das alegacións que se presenten temos previsto aportar un número maior de firmas contrarias ó peche da escola infantil en agosto.

            Nesta decisión unilateral do goberno do PP de Barbadás existen unha serie de compcomisos incumpridos, posto que a principios do curso que agora remata anunciouse ós pais e nais que a escola infantil municipal permanecería aberta ininterrumpidamente, é dicir, incluído o mes de agosto. Esto significaría que no mes de agosto habería horario reducido, pero o servizo seguiría prestándose.

            Hai que ter en conta ademais que a propia normativa da Xunta establécese que “en casos excepcionais e debidamente xustificados, poderase admitir a asistencia do/da neno/a durante os 12 meses do ano. En tales circunstancias deberase formular unha solicitude cunha antelación mínima de 1 mes, que será estudada e, se procede, autorizada pola xefatura territorial correspondente”.

 

Por todos os motivos expostos o Grupo Municipal Socialista presenta as seguintes alegacións:

 

·       QUE SE MANTEÑA ABERTA A ESCOLA INFANTIL MUNIICIPAL DURANTE O MES DE AGOSTO para cumprir o compromiso adquirido a principios de curso ante os pais e nais e para evitar as graves consecuencias que o peche das instalacións terá sobre a conciliación da vida familiar e laboral de moitas familias afectadas.

 

·       Anticipándonos á actitude pouco dialogante dos responsables municipais, propoñemos, conforme a suxestións feitas polos interesados, que no caso de proceder ó peche durante o mes de agosto, se estuden outras posibilidades para prestar o servizo en horario reducido e contando coa colaboración dos pais e nais co obxecto de seguir mantendo abertas as instalacións durante ese período de tempo.

 

 

En Barbadás a 1 de xuño de 2013

 

 

Victoria Morenza Doforno

Concelleira do PSdeG

Asdo.:

 

 

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario