martes, 11 de marzo de 2014

RESUMO PLENO DE MARZO


OS SOCIALISTAS DE BARBADÁS CRITICAN A IMPREVISIÓN DE FREIRE Ó DISTRIBUIR PARTIDAS A TAN SÓ UNHAS SEMANAS DE APROBADOS OS ORZAMENTO

 
    Valcárcel é crítico coa decisión de Freire de detraer 35.000 euros destinados a infraestruturas para dedicalos a construir 2 novos vestiarios no pavillón aínda sen inaugurar

 

·        O PP fala de actualización de taxas, o PSdeG de subas desaforadas e mesmo de estafa

 

·        Postura unánime ante unha proposta socialista para mellorar o subministro eléctrico en Parada

 

·        Dende o PSdeG congratuláronse de que o PP apoie a iniciativa, pero cren que se trata dunha postura electoralista de Freire cos veciños de Parada e Piñor

 ·         O PP vota en contra dunha iniciativa socialista para dinamizar o local social de Loiro

 

 
Barbadás, 11 de marzo de 2014. Os Socialistas de Barbadás repróchanlle ó alcalde que retire unha partida de 35.000 euros que estaban destinadas a infraestruturas para dedicalos a construir 2 vestiarios no pavillón . O voceiro do PSdeG, Xosé Carlos Valcárcel, tildou no pleno celebrado onte luns de esperpéntico este cambio a tan só unhas semanas de aprobados os orzamentos e despois de 15 anos en que comezou a deseñarse o polideportivo.

         Valcárcel cre que esta decisión é produto da falta de planificación “porque estamos a falar dunha obra sen inaugurar e na que tiveron anos e anos para coñecer cómo debía estar dimensionada para axeitala ás necesidades do noso concello”. Este tipo de prácticas “fala ben ás claras da incapacidade de Freire e o seu equipo para gobernar e xestionar con un mínimo de eficacia”.  Freire, pola súa banda, explicou que decidiron facer o cambio porque “quedaban un ocos baleiros”.

O líder socialista cualificou a modificación de créditos para facer o cambio de partidas de chapuza, tendo en conta que hai 10 meses convocouse un pleno extraordinario para autorizar a contratación de persoal do polideportivo cando as instalacións aínda non foron inauguradas oficialmente. O rexedor ante as reiteradas preguntas dos Socialistas dixo que o pavillón abrirá nun par de meses, o que é considerado coma unha nova imprevisión.

 Centro Empresarial

 No debate da moción do PSdeG para reactivar o Centro Empresarial Transfronteirizo para convertelo nun centro dinamizador do emprego e do emprendemento o PP votou en contra da proposta. O alcalde, José Manuel Freire, considera que o CET “ten un dinamismo digno de ter en conta”. Valcárcel fixo una dura crítica ó funcionamento do CET porque non constitúe un centro de iniciativas e ideas empresariais.

Uns minutos antes de comezar o pleno foille entregado un dossier feito pola xerente do CET á oposición. Outra mostra máis de improvisación, recrimina o voceiro do PSdeG, por facer “ás presas un documento para o lavado de cara de Freire, pero o que está claro é que os Socialistas propoñemos participación, investimentos e novas iniciativas e non se está ofrecendo”

Valcárcel puxo como exemplo do inadecuado funcionamento do CET o feito de que os problemas que ten o edificio á hora de recibir o servizo de Internet fai que participantes nalgúns cursos se tiveran que desprazar á casa de cultura ou que non conte coa figura do axente de desenvolvemento local. Freire dixo que si saía unha liña de axudas da Xunta contratarían unha persoa, pero o voceiro do PSdeG cre que esta é só unha promesa electoralista do rexedor. Valcárcel ironizou tamén co carácter pouco transfronteirizo do centro, como non sexa un estudo para definir a capacidade que no mercado poden ter produtos como a frambuesa ou a oliveira.

 Aumento da taxa do Servizo de Axuda no Fogar

          Os Socialistas amosáronse contrarios á modificación da ordenanza fiscal reguladora da do servizo de axuda no fogar. A concelleira Victoria Morenza considerou inaceptable que os cambios supoñan un incremento dende o 65% ó 90 % o importe máximo de participación do usuario dependente no copagamento do Servizo de Axuda no Fogar. Criticou as continuas modificacións desta normativa que actúan en detrimento dos servizos sociais porque a finalidade económica “parece ser a única, en tanto que o fin social dilúese nas cifras”. Con este tipo de cambios o único que conseguen é botar en mans da iniciativa privada ós usuarios dos servizos públicos. Puntualizou Morenza que a modificación da ordenanza non supóns só unha adaptación ó Decreto 149/2013, de 5 de setembro, senón que supón un aumento puro e duro de taxas. PSdeG e BNG votaron en contra.

 Recollida de vehículos


Na modificación da taxa polo servizo de recollida e depósito de vehículos os grupos da oposición tamén votaron en contra. Xosé Carlos Valcárcel dixo que non se trata dunha actualización de prezos, senón dunha estafa e falou da necesidade de incrementar a plantilla da policía local para prestar un servizo como é debido. Censurou que non se solicitaran formalmente ofertas a varias empresar porque “é evidente a falta de transparecencia dun proceso no que non queda constancia escrita das diferentes ofertas”. O líder socialista mostrouse abraiado cando o rexedor dixo que levaban 10 anos sen subir a contía da taxa e que a empresa lle estaba a facer un favor ó concello.

Valcárcel afirmou que “as empresas privadas non están para facer favores” ó tempo que cualificou de desaforada a suba da taxa en comparación non só con Ourense cidade, senón tamén con vilas de carácterísticas similares ás de Barbadás.

 Problemas de subministro en Parada e Piñor

 Debateuse tamén unha proposta socialista para solicitar a Gas Natural que se solvente o problema de tensión eléctrica na Chaira (barrio que abrangue zonas de Parada e Piñor). A concelleira Victoria Morenza reprochoulle a Freire a súa escasa capacidade negociadora porque “doutro xeito non se entende que agora nos veña con escusas de mal pagador culpabilizando a uns veciños de que Fenosa decidira non instalar un transformador de reforzo hai uns meses.

         Morenza díxolle ó alcalde que se contradecía “ó afirmar que apoiarán a iniciativa socialista aínda que sabe de antemán  que non se vai poder facer, como vostede mesmo di”. Segundo a edil do PSdeG “Freire pretende quedar en bo lugar ante a veciñanza e non gastar nin 1 euro, nin siquera o esforzo de tentar buscar unha solución”.

Os Socialistas esixíronlle a Freire que “colla as rendas do asunto e non se escude en pretextos” porque o fundamental é buscar unha solución “falando coa empresa subministradora de enerxía eléctrica e reuníndose cos veciños para buscar un lugar alternativo. Finalmente a proposta foi aprobada por unanimidade. Dende o PSdeG congratuláronse de que o PP apoie a súa iniciativa, pero cren que se trata dunha postura electoralista.

Un local socia pouco humanizado


Outra iniciativa socialista para dinamizar o novo local social de Loiro e para que se subsanen as deficiencias que presenta foi rexeitada cos votos en contra do PP. Os Socialistas amosaron a súa indignación cando Freire dixo que esta era unha proposta “de recheo”. A concelleira María Presas lamentou que non se teñan en conta as inquedanzas e queixas dos veciños á hora de facer habitable, cómodo e accesible para a cidadanía un local social non que se investiron preto de 400.000 euros.

Presas enumerou as deficiencias: deterioro da tarima flotante, falta dos mandos para manexar a calefacción e aire acondicionado, etc. En suma, o novo centro social de Loiro é un lugar inhóspito segundo os propios veciños porque non foi acondicionado nas debidas condicións. “Non é de estranar que os veciños prefiran estar na antiga escola”, asegura María Presas, quen propuxo que o concelleiro de Servizos Sociais contribúa a unha dinamización das novas instalacións.

Freire foi irrespetuoso coas propostas socialistas asegurando que os veciños están moi contentos coa xestión do PPe só 3 ou 4 actúan con resentimento, pero o que é evidente segundo Presas é que hai veciños que queren usar o local e non poden facelo.

 


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario