domingo, 28 de abril de 2013

EN CONTRA DO REPAGO DOS COMEDORES ESCOLARES


 

MOCIÓN DO PSdeG PARA INSTAR Á XUNTA A PARALIZAR A DECISIÓN DE INCREMENTAR O COPAGO NOS COMEDORES ESCOLARES

                      
       
            Barbadás é o paradigma do crecemento demográfico a nivel autonómico. Sen embargo, estamos moi lonxe de promover medidas que contribúan ou propicien a natalidade. Todos sabemos que esta situación obedece a unha serie de coincidencias que pouco teñen que ver con decisións políticas.

Unha familia media en Barbadás, con idades entre os 30 e os 45 anos e con 2 fillos padeceu nos últimos anos unha situación complicada. Cóbrase por todo, auméntanse as taxas das escolas deportivas, das actividades extraescolares, das ensinanzas musicais, pero esto non parece ser suficiente. Parece ser que a estratexia dos gobernantes do PP no Concello, na Xunta e no Goberno Central é estrangular á clase media ou mesmo provocar a completa desaparición.

En Barbadás hai ó redor 300 cativos que usan os comedores escolares nos colexios públicos e que, de un xeito ou doutro, directa ou indirectamente, se van ver afectados polo REPAGO. Os escolares pasarán a estar estratificados, clasificados, estigmatizados.

Poderán ter a gran sorte de que a súa familia estea na porcentaxe do 56,74 % que terán o servizo de comedor gratis. En fin, pasarán a formar parte dese grupo de privilexiados (no sentido peyorativo da palabra)  que poderán ter o que ata agora era un dereito universal. Pero estar nese 56,74 % significará tamén que se atopan entre as familias con unha renda moi, moi inferior á media. Pertencer a este estrato é un xeito máis que ten o PP de sinalar co dedo ós máis desfavorecidos. Pero indica ademais que a situación socioeconómica do país está á deriva precisamente pola ausencia de políticas activas que redunden na calidade de vida.

Por outro lado, haberá nenos e nenas que engrosarán as filas do 23 % de familias que terán que pagar o custe real íntegro do comedor. Ata 4 clasificacións ten deseñadas a Xunta para os cambios que se introducirán o vindeiro curso co incremento do copago nos comedores escolares.

Este é o esbozo no papel, as cifras que tanto lle gusta manexar ós gobernantes do PP. Pero detrás dos números hai persoas, historias cotiás, dramas sociais, desestruturación, pobreza, dificultade para comer tódolos días. Detrás da porta de cada familia que se vai ver afectada por esta decisión do REPAGO hai unha economía doméstica na que a maioría das veces as contas non saen.

O repago condeará ós nosos cativos á cultura da fiambreira. Os escolares xantarán en salas diferentes, uns comerán a comida quente e outros fría, aparecerán as xerarquías. Resulta inadmisible que esto aconteza nas escolas públicas. A Xunta que dirixe Núñez Feijóo está impulsando políticas que facilitan a desigualdade de dereitos, a de oportunidades e a de xénero.

¿Cómo lle podemos pidir a unha familia mileurista que pague 100 euros ó mes por un fillo para facer uso do comedor escolar? ¿Por qué se abandoa o criterio de dispersión poboacional para definir quen se beneficia deste servizo? ¿Por qué se baixan 32 puntos a porcentaxe de alumnos que comerán gratuitamente? ¿Por qué unha parella con 1 fillo con uns ingresos entre os dous de 1.501 € teñen que pagar o comedor, aínda que a súa casa quede lonxe do colexio?

Estas preguntas son as que deben contestar o secretario xeral de Educación e Cultura, Xesús Oitavén, o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez ou o mesmo Feijóo.

Como políticos temos a responsabilidade de actuar, de tomar decisión efectivas. Esta non o é porque a propia Xunta recoñece que este cambio non lle reportará aforro algún porque o diñeiro destinarase a asumir a xestión de comedores que dependan de colectivos de pais e de concellos. Esto é o colmo da ousadía porque hai que ter en conta as cifras reais e as súas consecuencias:

·       Case 20.000 escolares de toda Galicia terán que pagar comedor.

·       Ata agora o 92 % non pagaba polo menú escolar (o criterio do transporte definía a situación)

·       O decreto obrigará a pagar ó 44 % entre 1 euro e 4,5 euros.

·       A Xunta destina 240 millóns de euros anuais ó ensino concertado.

·       O Goberno de Feijóo destina 3 millóns de euros a centros que segregan por sexo.

·       En España hai 3 millóns de nenos e nenas que teñen dificultades incluso para facer todas as comidas diarias e só poden comer unha vez ó día.

·       Este cambio drástico afecta a 75.000 familias.

·       O Consello Escolar de Galicia está en contra desta medida, como así o demostrou a decisión da maioría dos seus membros.


  O Grupo Municipal Socialista está en contra deste novo tesoirazo  por considerala unha medida regresiva, que frea o insalvable reto demográfico e supón unha traba para as parellas que queren ter fillos. O que se está cuestionando con este tipo de políticas é a gratuidade dos servizos públicos en aras de decisións economicistas porque a educación está deixando do PP de ser un servizo público cos gobernos do PP. Hai que lembrar que primeiro foron os recortes no profesorado e no persoal vinculado ó ensino, agora é o REPAGO dos comedores, o incremento das taxas de ensinanzas especiais e nun futuro próximo anticipamos que a regresividade afactará ó transporte escolar.

 

 

Por todo o anteriormente exposto, propoño ó Pleno (celebrarase o 6 de maio de 2013)  desta Corporación a adopción do seguinte ACORDO:

 

 

1)           Instar á Xunta a paralizar a decisión de incrementar o copago nos comedores escolares por considerala unha medida que rompe o principio de igualdade no acceso ó ensino público.

2)           Reclamar do Goberno de Galicia que se manteña nas condicións actuais a gratuidade vinculada a factores como a distancia e a necesidade de transporte.

3)           Trasladar á Xunta o rexeitamento dunha medida que suporá a extensión do uso da fiambreira e a estigmatización dos estudantes nos centros de ensino públicos.

 

 

                   En Barbadás a 26 de abril de 2013

 

Victoria Morenza Doforno

Concelleira do PSdeG en Barbadás

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario