luns, 6 de maio de 2013

CONTRADICCIÓNS DE FREIRE NO REPAGO DOS COMEDORES ESCOLARES


OS SOCIALISTAS NON ENTENDEN A POSTURA CONTRADICTORIA DO PP NO REPAGO DOS COMEDORES ESCOLARES



·        Os populares votaron a favor dunha proposta do BNG que é coincidente con unha iniciativa socialista sobre o incremento do copago nos comedores públicos.

 

·         Sen embargo, posicionáronse en contra da moción socialista, a pesar de que a petición é a mesma: instar á Xunta a paralizar esta decisión

 

·         O PSdeG está en contra de implantar a cultura da fiambreira e fomentar a estigmatización dos escolares

 ·        O voceiro socialista, Xosé Carlos Valcárcel, reprocha que “resulta sorprendente que se reduza profesorado e sanitarios no sector público, que e oferta pública de emprego prácticamente desapareza, pero en Barbadás atopemos a fórmula para ampliar o número de traballadores da administración local” (o pleno deu o visto bo co apio só do PP á contratación de 17 traballadores)

 
·        A política de contratación do PP demóstrase en feitos como o de contratar de xeito indefinido a 21 persoas en 4 meses

 

·        Xosé Carlos Valcárcel: “Está claro que o Señor Alcalde supostamente xoga e utiliza para os seus fins á súa familia e, polo tanto, hai que esixir transparencia máxima, contas claras e patrimonio impoluto”.

 

·        Apoio unánime ós afectados polas preferentes e subordinadas. O voceiros dun grupo de afectados que asistiron ó pleno interviron na sesión

 

 Barbadás, 6 de maio de 2013.  O PP mantivo no pleno celebrado hoxe  unha postura contradictoria ó abordar sendas mocións sobre o copago dos comedores escolares. Os grupos municipales nacionalista e socialista presentaron iniciativas similares en relación coas modificacións nos baremos do pago polo uso do servizo de comedor. As propostas eran coincidente no fondo, pois tanto BNG coma PSdeG recollían como punto principal do acordo instar á Xunta a paralizar a decisión de incrementar o copago polo uso dos comedores escolares.

            Sen embargo, o grupo do PP apoiou a moción nacionalista e votou en contra da presentada polo PSdeG. A concelleira socialista Victoria Morenza non acaba de entender a actitude do rexedor respecto deste asunto porque “ambos grupos amosamos nas propostas o desacordo co sistema que intenta implantar a Xunta de cara ó vindeiro curso e en contra do baremo que se vai utilizar”. Morenza lembra que unha familia cuxos ingresos entre os 2 sumen 1.501 euros teñen que pagar comedor, aínda que a súa casa quede lonxe do colexio.

            Os Socialistas posicionáronse “en contra de implantar nos colexios a cultura da fiambreira porque non queremos contribuir á estigmatización dos escolares”. O panorama de moitas familias do concello de Barbadás vai ser o da desestruturación, pobreza e dificultade para chegar a fin de mes e mesmo para comer 3 veces ó día.

            O conselleiro de Educación fala de que en moitos casos só terán que pagar 1 euro por alumno, “pero esta contía hai que multiplicala polos aproximadamente 22 días lectivos que ten o mes”, apuntou Morenza. A edil engadiu que “na maioría dos casos hai que volver facer unha multiplicación por 2 ou por 3 escolares por familia e as contas non van cuadrar para unhas economías domésticas xa moi afectadas pola crise”.

            Hai que ter en conta ademais que en Barbadás “o concello cobra ata polo aire que respiramos e as familias están padecendo xá as drásticas e implacables suba de taxas como a da escola de música, das actividades extraescolares, do Bos días coleo u das escolas deportivas”. Con este novo REPAGO “haberá nenos de primeira categoría que poderán xantar comida quente e outros que coma uns apestados padecerán directamente o clasismo levando a súa fiambreira e xantando nun lugar aparte do resto”.

 

Contratos masivos

 

            O voceiro socialista, Xosé Carlos Valcárcel, criticou a escasa planificación en materia de persoal ó abordar a proposta do grupo de goberno para contratar de xeito urxente a 12 profesores de música, 2 peóns de xardinería, 1 chófer para a máquina desbrozadota e 2 socorristas para as piscinas. O pleno tivo que posicionarse sobre a justificación da declaración municipal de servizos prioritarios, urxencia e necesidade de contratación de persoal laboral temporal.

            Segundo Valcárcel “a situación que nos planteas o grupo de goberno é esperpéntica e surrealista”. O voceiro socialista reprochou que “tódolos días escoiemos ós dirixentes do PP reclamar a reducción da administración, o desmantelamento de certos servizos esenciais, o recorte do estado de benestar ou a desparición de axudas á dependencia”. Para os socialistas “resulta sorprendente que se reduza profesorado e sanitarios no sector público, que e oferta pública de emprego prácticamente desapareza, pero en Barbadás atopemos a fórmula para ampliar o número de traballadores da administración local”.

            Xosé Carlos Valcárcel reprocha ó PP que “algo falla en Barbadás cando en xuño de 2012 se lle recoñece a 8 persoas a condición de persoal laboral indefinido despois de interporen reclamación previa á vía xudicial”. Pero algo similar repítese o 3 de setembro do ano pasado cando coa mesma declaración para outros 6 traballadores e en decembro con 7 máis. No prazo de 4 meses aumentou plantilla de persoal laboral indefinido en 21 persoas. Valcárcel amosouse convencido de que “estamos a falar dunha estrategia política co ánimo de beneficiar ó goberno local do PP e supón unha proba máis do sistema de contratación caciquil”.

 

Grandes almacéns e pequeño comercio

 

            Debateuse tamén outra moción do PSdeG para que o Concello de Barbadás manifestase o seu apio ós/as traballadores/as do sector de grandes almacéns e para proteger ó pequeño comercio. Valcárcel referiuse ó convenio asinado só por 2 dos 7 sindicatos participantes e que afecta ós traballadores de grandes almacéns. Este convenio terá repercusións nas condicións laborais dos traballadores: conxelación de salarios durante 4 anos, incremento da xornada laboral en 28 horas co mesmo soldo, aumento do número de festivos e domingos a traballar, rebaixa no número de días nas vacacións estivais.

            Este acordo, polo que se ven afectados traballadores de Carrefour e C&A, “afecta ó futuro do noso concello dun xeito evidente porque somos a zona de expansión natural de Ourense”. Barbadás é un concello no que se estableceron grandes superficies comerciais coas que teñen que convivir os pequenos comerciantes. Pero o convenio racha esta posibilidade de coexistencia e, polo tanto, supón a destrucción de postos de traballo no pequeno comercio.

            Os Socialistas de Barbadás “queremos proteger ós pequenos comerciantes que sempre foron fundamentais na creación de postos de traballo e tamén esiximos manter os dereitos dos traballadores das áreas comerciais, xa que ambos van estreitamente vencellados: a máis recortes nas condicións laborais nas grandes superficies, menores posibilidades de supervivencia terán os pequenos comercio”.

            O alcalde de Barbadás, José Manuel Freire, amosouse a favor do primeiro punto da moción do PSdeG (experesar a solidariedade do Concello cos traballadores de grandes almacéns), pero dixo non estar de acordo co segundo. Na segunda parte da proposta pedíase que o goberno local de Barbadás esude medidas para paliar as recpercusións do citado convenio no pequeño comercio.

            Freire instou ó voceiro socialista a propoñer medidas concretas e Valcárcel lembroulle que en xaneiro de 2010 o PP votou en contra dunha moción presentada polo PSdeG para potenciar o comercio local e que contiña un total de 15 medidas para reactivalo. Freire con todo dixo que “votamos en contra porque non podemos facer nada”.

 

Declaración de bens

 

Cando se debateu unha moción do BNG sobre a publicación da declaración de bens dos concelleiros de Barbadás dende a primeira toma de posesión, volveu xurdir o candente tema do Emporio Freire. O voceiro socialista, Xosé Carlos Valcárcel, dixo que “non é suficiente a publicación na páxina web do patrimonio de concelleiros/as de Barbadás. Está claro que o Señor Alcalde supostamente xoga e utiliza para os seus fins á súa familia e, polo tanto, hai que esixir transparencia máxima, contas claras e patrimonio impoluto”.

            O Grupo Socialista “esixe un paso máis, como é o de publicar os datos de todas as empresas e sociedades nas que participan a esposa e as fillas de Freire, máxime cando algunhas destas están radicadas no domicilio do alcalde. Refereiuse Valcárcel ó patrimonio que ten a filla maior do alcalde, de 22 anos de idade, distribuido entre España e Portugal. A contía é de 675.000 euros. O líder do PSdeG afirmou que “estamos fartos da ocultación sistemática que fai o alcalde”, lembrando que hai máis de 2 anos “fixemos unha pregunta por escrito sobre a propiedade dun baixo comercial no que hoxe hai unha cafetería, situada preto das piscinas municipais”. A resposta entón foi que non era propiedade do rexedor, “pero hoxe sabemos que este local é propiedade da empresa Eichoa da que son sociais a súa esposa e a filla maior.

            Segundo Valcárcel “a cidadanía esixe transparencia absoluta a nivel patrimonial porque a desconfianza está instalada no quehacer do Sr Freire”. Hai que ter en conta, argumenta Valcárcel, “os antecedentes fiscais de Freire, que son os dunha persoa que xa foi sancionada con unha falta grave pola Axencia Tributaria”

 

Afectados por preferentes e subordinadas

 

            A presencia de un grupo de afectados polas preferentes e subordinadas provocou  que o discorrer do pleno se saise dos cauces habituais. Unha vez que o concelleiro do BNG, Serafín Núñez, fixera unha exposición da moción presentada polo seu grupo, os voceiros dos afectados pediron a palabra. O Grupo Socialista cedeulla non sen antes deixar claro que o Concello de Barbadás debe actuar de filtro para canalizar as posibles reclamacións que se ponderan presentar e faciliten a información precisa para que acudan á Deputación, cuxos servizos xurídicos están ó dispor dos afectados. Victoria Morenza lembrou que foi unha emenda do PSdeG na Deputación a unha moción nacionalista a que facilitou a posta en marcha deste servizo de asesoría.

            A secretaria emitiu verbalmente un informe contrario á intervención neses intres dos afectados, asegurando que legalmente procedía que o fixeran ó finalizar o pleno, posto que non cumpriran os requisitos formais de presentar un escrito previamente.

            Con todo, o alcalde, deixou que interviran os voceiros dos afectados, a pesar de que a secretaria dixo que as declaracións que fixeran non constarán en acta, un posicionamento que os preferentistas afirmaron non entender, posto que ata agora teñen participado nas sesións Boutros concellos sen que se lle puxese traba algunha.

            Falaron Arístides Álvarez e Juan Carlos Vélez. Álvarez pediu “xustiza porque temos que padecer primeiro o engano dos bancos, despois o de moitos políticos e posiblemente o dos avogados”. Solicitou tamén unha solución política para recuperar o diñeiro invertido e lembrou que levan un ano e medio na rúa para protestar pola estafa da que foron vítimas.

            Juan Carlos Vélez falou da ofensa que supón ver nunha foto a Feijóo cos banqueiros que nos estafaron. Pediu que non se escuden nos 15.000 casos de afectados que recuperaron o seu diñeiro e que se centren nos 55.000 que aínda non o recuperamos.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario