luns, 7 de abril de 2014

CAMBIOS CRUCIAIS NO PLAN DE URBANISMO

VALCÁRCEL ESIXE REUNIÓNS VECIÑAIS PARA EXPLICAR OS CAMBIOS NO NOVO PLAN DE URBANISMO DE BARBADÁS

·         Ata agora houbo moi pouca ou nula información ó respecto dos cambios que van afectar dun xeito importante ó PXOM de Barbadás.

·        No pleno extraordinario celebrado hoxe luns e que foi solicitado por BNG e PSdeG, o líder socialista aludiu ás 16 reservas plantexadas pola Xunta ó documento inicial enviado polo Concello

·        As reservas que fai a Xunta refírense á definición de terreos como solo urbano consolidado, pero a  Consellería de Ordenación do Territorio considera eses lugares como urbano non consolidadado. Esto supón “dar todo tipo de facilidades ós empresarios do ladrillo”.

·        Valcárcel reprochoulle ademais ó rexedor que “Barbadás bate récors no tocante a vivendas de protección autonómica porque Freire e o PP esqueceron por completo este tipo de vivenda e agora pretenden seguir pola mesma senda”.

·         O alcalde de Barbadás dixo que non era o momento adecuado para que participen os veciños

·        Finalmente a proposta de acordó plantexada por BNG e PSdeG na solicitude de pleno extraordinario foi rexeitada cos votos do PP

  •  Freire dixo que no rural vaise diminuir a edificabilidade, mentras que na Valenzá se mantén


Barbadás, 7 de abril de 2014. O voceiro socialista en Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, foi moi crítico coa actitude pouco dialogante do goberno do PP nos trámites de adaptación do plan de urbanismo á Lei do Solo. Segundo os Socialistas o sistema que se debe utilizar pasa pola realización de actos públicos abertos para que a veciñanza saiba que se están realizando cambios substanciais no novo plan.
         Ao longo do proceso debéronse facer xuntanzas cos colectivos veciñais, culturais e sociais “reclamando e recollendo as súas suxestións”. Ata agora houbo moi pouca ou nula información ó respecto dos cambios que van afectar dun xeito importante ó PXOM de Barbadás. Sen embargo “non existe información oficial sobre estas modificacións” e “non se fixo partícipes ós grupos da oposición da evolución do proxecto do planeamento” dende que en 2007 comezaran os primeiros trámites. Valcárcel criticou tallantemente ademais que os plenos se celebren a unha hora tan intempestiva como a 1 do mediodía.
         No pleno extraordinario celebrado hoxe luns e que foi solicitado por BNG e PSdeG, o líder socialista aludiu ás 16 reservas plantexadas pola Xunta ó documento inicial enviado polo Concello de Barbadás. Valcárcel explica que “a Xunta pon enriba da mesa tantas cautelas e incumprimentos da lexislación vixente que é evidente que para que administración autonómica acepte o planeamento de barbadás, ten que dar un xiro copernicano”.
                   As reservas que fai a Xunta refírense á definición de terreos como solo urbano consolidado por parte do equipo redactor, pero que conta co visto bo do gobernó de Freire. Sen embargo, a Consellería de Ordenación do Territorio considera eses lugares como urbano non consolidadado. Esto supón “dar todo tipo de facilidades ós empresarios do ladrillo”.
         As diferencias entre ambos os dous tipos de cualificacións son cruciais porque  no consolidado permítese contruir de forma directa, sendo o Concello o que ten que prover os servizos xerais (abastecemento, saneamento, viais, servizos,…) Pola contra, no “non consolidado” todo esto ten que ser realizado polos construtores e promotores, ademais de ceder o correspondente aproveitamento ó Concello e construir vivendas de protección autonómica.
“É dicir, no urbano consolidado o aproveitamento para o construtor é do 100 %, mentras que no “non consolidado” pode ser incluso inferior ó 50 %.
         Valcárcel reprochoulle ademais ó rexedor que “Barbadás bate récors no tocante a vivendas de protección autonómica porque Freire e o PP esqueceron por completo este tipo de vivenda e agora pretenden seguir pola mesma senda”.
         O voceiro socialista recriminoulle ós concelleiros do PP que consideren como solo urbano urbanizable terreos que teñen que ser cualificados de “rústico de especial protección” ou que pretendan transformar en solo industrial unha zona preto de Bentraces que sufrirá un grave impacto paisaxístico.
         Segundo o informe previo emitido pola Xunta (que está colgado na páxina web do goberno autonómico hai 1 ano, mentras que en Barbadás non se deu información pública algunha ó respecto) existe tamén unha carencia gravísima: “o estudo económico é inconcreto e non contempla aspectos fundamentais para un axeitado planeamento”.
         Valcárcel dixo que “falan vostedes de que se precisan 2 depuradoras novas, pero non se contempla cómo pagalas (1 depuradora de formigón prefabricado custa preto de 700.000 euros). Tampouco se cuantifica o corredor verde do Barbañica e ocorre o mesmo cos viais de circunvalación que afectan ó centro da Valenzá e que discorrerían polo vial que vai paralelo ó parque dos patos.
         O líder do PSdeG utiliza os reparos que fai a Xunta ó proxecto inicial enviado dende Barbadás para criticar ó equipo de Freire, posto que “o plan non xustifica a necesidade de solo residencial nin industrial acorde ós criterios de funcionalidade, eficacia e sostibilidade ambiental”. A consellería “critica tamén os criterios que fan referencia á altura e ó fondo das edificacións en determinadas ordenanzas”, sinala Valcárcel.
         Os Socialistas botan de menos que non haxa “ordenación da localidade dos Muíños, a pesar de toda a publicidade que vostedes levan facendo dende hai anos anunciando a recuperación deste núcleo”. Outra das carencias das que falou o portavoz socialista no pleno de hoxe alude a que non se presentou documentación individualizada para cada localidade do concello, polo que a Xunta reclama unha análise polo miúdo de cada lugar. Trátase dunha documentación imprescindible para decidir sobre a consideración de solo rural.
         Outro aspecto sobre o que chamou a atención Valcárcel foi sobre o feito de que o PP de Barbadás plantexan crecementos indiscriminados ó longo das estradas de todo o concelllo, de xeito que se fusionan as distintas localidades sen ter en conta as peculiaridades e as características de cada lugar.
         Como colofón Valcárcel referiuse a unha “frase lapidaria” que contén o informe previo da Consellería: “non hai correspondencia entre o crecemento que o plan proxecta e a capacidade das redes de servizos de abastecemento e saneamento, polo que non se deben permitir novos desenvolvementos urbanísticos sen garantía de servizos”.
         Valcárcel considera que en Barbadás “prima a ocultación e evítase a participación vecinal”, engadindo que o proceso no que actualmente nos atopamos precisa da participación da cidadanía e da máxima transparencia. Estas son, segundo Valcárcel, as premisas para desenvolver unha política urbanística que satisfaga o interese público. Pola contra, a aposta de Freire “foi exclusivamente polos construtores, polo ladrillo”. O voceiro socialista tildou a situación do urbanismo en Barbadás coma “un exemplo de urbanismo depredador, cuxo autor é José Manuel Freire”.

Freire, contrario ás xuntanzas cos veciños

         Pola súa banda, o alcalde de Barbadás dixo que non era o momento adecuado para que participen os veciños. Negou que se facilitasen os pelotazos urbanísticos debido a que se diminúe o número de vivendas que está previsto construir nos vindeiros anos de 2.800 a 1.500. Dixo tamén que no rural vaise diminuir a edificabilidade, mentras que na Valenzá se mantén. Freire afirmou que non está de acordó con convocar á veciñanza por zonas para explicar os cambios no plan “porque cada un quererá un traxe a medida e podería crearse un conflicto descomunal”.
Segundo o rexedor “ós veciños infórmaos o técnico”, en alusión ó aparellador municipal, que na propia sesión fixo a proposta, de dilatar a aprobación inicial da adaptación do PXOM ata unhas semanas antes de que se aprobé a nova Lei do Solo no Parlamento de Galicia, en torno a setembro ou outubro de 2014.

Como moito editará uns bandos

Finalmente a proposta de acordó plantexada por BNG e PSdeG na solicitude de pleno extraordinario foi rexeitada cos votos do PP. Esto significa que o grupo de gobernó non está de acordó en demorar a aprobación inicial da modificación do PXOM ata que se abra un período de consulta e participación da cidadanía e dos grupo da oposición.
         Tampouco se aceptou o punto no que se di que “os técnicos que participaron na elaboración da modificación do PXOM ou técnicos municipais expliquen á cidadanía as causas, motivos e razón para a modificación do planeamento e se lles dea traslado ós cidadáns nas diferentes parroquias.
         Freire anticipou que si se editarán uns bandos con información xeral sobre o proceso de tramitación das modificacións.



Ningún comentario:

Publicar un comentario