martes, 10 de marzo de 2015

RECLAMACIÓN DA SEGUNDA GARDERÍA PARA BARBADÁS

BARBADÁS RECLAMARÁ A SEGUNDA ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL PROPOSTA POLO PSdeG A TRAVÉS DUNHA MOCIÓN

·          No debate da moción o rexedor cambiou a súa postura respecto a outras ocasións nas que se abordou o proxecto

·         Freire dixo que podería ubicarse na zona de equipamento escolar da AR-10, onde tamén está previsto que vaia o instituto.


·                     Houbo tamén unanimidade na aprobación dunha proposta do PSdeG para mellorar a seguridade viaria e actuar sobre os espazos infantís no entorno da rúa da Paz e no Paseo dos Amieiros.

·         Reprochou tamén o líder socialista que os dous elementos fundamentais nunha zona de xogo (bancos e fontes) están asusentes nestes parques

·         O PP votou en contra dunha proposta socialista para evitar que a zona de soportais da rúa Cotelma siga a ser un “mexódromo” de cans


·         Valcárcel solicitou ademais os datos do rexistro de animais perigosos, descoñecendo o rexedor se había esta listaxe

·         Alcalde de tenente alcalde negan que filtraran as respostas dos exames a cambio de favores, tal e como denuncia un excandidato do PP

·         No pleno celebrado hoxe formalizouse tamén a renuncia da concelleira socialista María Presas

   
Barbadás, 10 de marzo de 2015. Unha moción do Grupo Socialista de Barbadás para xestionar a construcción dunha segunda escola infantil municipal consegue a unanimidade de tódolos grupos políticos. A concelleira socialista Victoria Morenza ironizou ó asegurar que o alcalde tería unha explicación para explicar porqué un dos concellos que máis medra de Galicia non marcaba a diferencia en iniciativas de atención á infancia.
            Aos Socialistas non lle interesa a explicación política de que Freire se convertera nun paria nos últimos meses dentro do seu propio partido porque “o que importa é a crúa realidade das listas de espera, que son un impedimento máis á conciliación da vida familiar e laboral”, asegurou Morenza. As cifras indican que entre 40 e 60 cativ@s quedan fóra do servizo público de ensino infantil. A concelleira pediu que se lle facilitara cant@s nen@s quedaron excluídos neste curso e cal foi o número de cheques infantís que se concedeu dende o Concello.
            No debate da moción o rexedor cambiou a súa postura respecto a outras ocasións nas que se abordou o proxecto da segunda escola infantil municipal e anunciou que ía apoiar a iniciativa do PSdeG. Morenza acolleu o apoio con optimismo e tildou de coincidencia electoralista esta viraxe. A edil socialista insistiu no feito de que as modificacións do plan de urbanismo nunca incluiron pór a disposición terreos para esta dotación, polo que solicitou a Freire explicacións sobre o asunto. Finalmente dixo que podería ubicarse na zona de equipamento escolar da AR-10, onde tamén está previsto que vaia o instituto.
            Morenza falou da importancia de levar a cabo este proxecto tendo en conta que Barbadás está ó mesmo nivel que Ames, Culleredo ou Vilagarcía en índices de natalidade. Foi crítica tamén coa política anti-natalidade do goberno de Feijóo porque coa nova lexislación obriga aos concellos a aportar 10.000 euros por praza creada de escolas infantís.
            O PSdeG aceptou unha emenda proposta polo BNG  para modificar o segundo punto do acordo para que en lugar de habilitar unha ludoteca na casa de cultura se arbitren actividades que faciliten a conciliación en horas non lectivas.

Paseo dos Amieiros

            Houbo tamén unanimidade na aprobación dunha proposta do PSdeG para mellorar a seguridade viaria e actuar sobre os espazos infantís no entorno da rúa da Paz e no Paseo dos Amieiros.
Freire asegurou que as propostas do Grupo Socialista faranse se son factibles técnicamente. Proposta de acordó: Proceder a retirar a grúa de obra instalada na Rúa da Paz ou obrigar a súa retirada.
ü  Instalar pasos de peonís sobreelevados nos dous viais.
ü  Colocar unha cerca nas zonas de xogo infantil.
ü  Habilitar zonas de sombra e fontes de auga potable nos espazos infantís.
ü  Colocación de bancos.
ü  Instalar varandas de protección en toda á marxe esquerda do río.
ü  Mellorar os pasamáns das escaleiras.
ü  Colocar unha varanda na beirarrúa dereita da Rúa da Paz.
ü  Retirar a caseta de obra ubicada na mesma rúa.
ü  Instalar un colector de papel e outro de vidro no Paseo dos Amieiros.

Valcárcel criticou que as zonas de xogo infantil non teñan cercado para impedir a entrada de mascotas e que carecían de bancos suficientes “que permitan que os pais e nais que acompañan aos/ás cativ@s poidan disfrutar dun tempo de relax.”. Reprochou tamén o líder socialista que os dous elementos fundamentais nunha zona de xogo (bancos e fontes) están asusentes nestes parques. Ironizou ó asegurar que “supoño que o goberno do PP descoñece que conforme os meses do ano pasan a veciñanza utiliza a zona de xogo verde ou vermella porque a súa utilización vai en función da caída do sol”, en alusión a ausencia de vexetación.
            Para os Socialistas esta zona “é un compendio de situación perigosas e de ausencia de humanización urbana e esto non ten máis cá un nome: desidia e deixadez por parte do goberno municipal do PP”.

Rexistro de animais perigosos

            O PP votou en contra dunha moción socialista que pedía a mellora na limpeza e alumeado público, así como habilitar pasos de peóns elevados na rúa Cotelma. Segundo Valcárcel os soportais desta rúa convértense cando chove “nun mexódromo de cans”. O voceiro socialista aludiu a que esta situación xa foi denunciada polos veciños a través dun escrito o 17 de xuño de 2010.
            Valcárcel insistiu en que a veciñanza demanda que o grupo de goberno tome as medidas axeitadas para atallar definitivamente estes feitos de xeito que se elabore unha ordenanza que desenvolva a actual lexislación autonómica “prohibindo que os propietarios de animais utilicen o lugar para estes fins e se eviten así situación incómodas, insalubres e que atentan contra a hixiene e a estética urbanas”.
            Segundo Valcárcel esta situación vai estreitamente vencellada á falla de campañas de sensibilización e concienciación por parte do goberno municipal do PP para o fomento de actitudes cívicas por parte dos propietarios de mascotas.
            O acordo da proposta ó que o PP votou en contra inclúe os seguintes puntos:
ü  Prohibir que os soportais sexan utilizados polos donos dos cans mediante a instación duns paneis de “Prohibido cans”.
ü  Incrementar a vixiancia sobre a zona para que se cumpra a normativa.
ü  Proceder á limpeza en profundidade da beirarrúa dos soportais eliminando todos os restos de excrementos, sucidade e manchas que estos provocan.
ü  Desinfectar a zona afectada.
ü  Substituir os actuais puntos de luz branca por outras farolas semellantes ás do resto da rúa.
ü  Eliminar os lombos prefabricados e instalar dous pasos peonís sobreelevados.
Valcárcel solicitou ademais os datos do rexistro de animais perigosos, descoñecendo o rexedor se había esta listaxe. Tanto as técnicas presentes no pleno coma o alcalde, respostaron que este tema “Lévano en Urbanismo”. Para Valcárcel é lamentable o descoñecemento que existe do tema e volveu insistir na necesidade de pór en marcha un parque para cans, tal e como ten reclamado o PSdeG en reiteradas ocasións.
Renuncia da concelleira socialista

Ao inicio da sesión formalizouse a renuncia da concelleira socialista María Presas de Prado, quen no escrito que presentou no concello alegou motivos persoais. Na súa despedida Presas asegurou que durante os case 4 anos que foi concelleira fixo unha labor construtiva pensando nos/as veciñ@. AFirmou sentir “unha decepción persoal cos meus compañeiros” e anunciou a súa baixa como militante do PSdeG. O voceiro socialista agradeceu o seu traballo, así coma o seu compañeirismo e lealdade. Serafín Núñez, edil do BNG, deulle as grazas a Presas e desexoulle sorte, ó igual que o alcalde, Freire Couto.

Denuncia dun empresario

Ao rematar o pleno e xa no apartado de rogos e preguntas o líder socialista, Xosé Carlos Valcárcel, pediu explicacións sobre a noticia aparecida hoxe nun medio de comunicación sobre a implicación dos tenentes de alcalde e alcaldesa, Manuel García e Consuelo Vispo, así coma do alcalde de Barbadás en un suposto caso de enchufismo.
            Na denuncia relátase que existiu un suposto pago de favores con persoal vinculado ao Concello de Barbadás. O denunciante, un empresario que foi nas listas do PP de número 8 en 2007, asegura que “o xeito de funcionar era chamar o día anterior ós exames de acceso ó tenente alcalde, Manuel García, entregando as respostas aos elixidos para aprobar”. Segundo a denuncia vulneráronse así os principios de igualdade, mérito e capacidade.
            Freire asegurou que o que di a denuncia é falso, mentras que o tenente alcalde dixo que “xamáis fixen unha chamada para tal fin”, negando que houbese conversas deste tipo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario