luns, 4 de marzo de 2013


MOCIÓN DO PSdeG PARA MELLORAR A ACCESIBILIDADE DOS TRANSEÚNTES E REALIZAR UNHA REVISIÓN DAS BARREIRAS ARQUITECTÓNICAS. A PROPOSTA RECLAMA ADEMAIS QUE SE ELABORE UN PLAN DE REORDENACIÓN DO TRÁFICO NAS INMEDIACIÓNS DOS COLEXIOS PÚBLICOS DA VALENZÁ

 

                            EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

        

A humanización de vilas como A Valenzá non só pode consistir en construir amplas beirarrúas, senón para facilitar que os viandantes poidan pasear con comodidade. Teñen que ser tamén espazos cómodos e sen obstáculos, pero a realidade reflicte todo o contrario. Son habituais escenas nas que os coches estacionan invadido a beirarrúa e imposibilitando o paso de transeúntes, carriños de bebé ou persoas con movilidades reducida.

 

Tamén é cotiá que nos lugares onde hai establecementos hosteleiros con terraza sexa en ocasións complicado pasar para os viandantes e unha misión imposible para os peóns que guían un carro de nenos. Dende o PSdeG reclamamos que de cara á tempada primavera-verán se intensifique o control para que se cumpran os espazos que esixe a normativa para a accesibilidade cómoda das persoas que se moven polas zonas onde se concentra o maior número de terrazas.

 

Co obxecto de ilustrar a ausencia dunha actitude civica por parte dalgúns propietarios de vehículos, vémonos na obriga de lembrar que a beirarrúa é un espazo excluivo para que o peón circule con seguridade. Temos imaxes fotográficas que ilustran cómo a imposibilidade material de moverse sitúa ós viandantes nunha situación de perigosidade, moito máis preocupante se falamos de carriños de bebé, persoas maiores ou persoas con mobilidade reducida.

 

 

 

No Grupo Socialista damos por feito que xa superamos o modelo no que o peón era sistemáticamente discriminado e excluído en beneficio do automobilista. Sen embargo, as evidencias da vida cotía deixan patente que ás veces este esquema do século pasado aínda segue vixente. Aos feitos nos remitimos cando comprobamos que se obstaculiza o paso de peóns polas beirarrúas. As actitudes incívicas aparecen entón e a convivencia entre transeúntes e vehículos faise complicada.

 

A avenida de Celanova ou as rúas que circundan o colexio Filomena Dato son claros exemplos do que non se pode facer por parte dos propietarios de vehículos: entorpecer e facer molesto o tránsito para os peóns. Estas situacións teñen que deixar de repetirse adoptando unha política de maior control do tráfico e se é preciso elaborar plans concretos de reordenación. É fundamental que circular polas rúas deixe de ser un verdadeiro suplicio.

 

Estamos a falar de algo tan sinxelo como a calidade de vida dos cidadáns, que se queixan dende hai anos do estacionamento de vehículos en lugares prohibidos ou de aparcar por riba das beirarrúas, restando espazo ós viandantes e mesmo impedindo o seu tránsito. A veciñanza esixe e ten dereito a recuperar o espazo urbano público a favor do case sempre desprotexido peón.

 

En relación tamén coa seguridade, a comodidade e o fácil acceso, dende o Grupo Socialista queremos incidir unha vez máis na urxencia de facer unha profunda revisión das barreiras arquitectónicas que existen na Valenzá. En febreiro de 2011 o Grupo do PSdeG presentou unha minuciosa proposta para suprimir as barreiras arquitectónicas urbanísticas en vías urbanas e espazos de uso común. Pero lamentamos que despois de 2 anos non se modificara a situación para mellorar a accesibilidade.

 

A actividade que xeran os colexios públicos da Valenzá fan preciso mellorar un plan de regulación dos tránsito de vehículos e persoas nas inmediacións dos centros. Está claro que as medidas que se adoptan resultan insuficientes. No Ruxidoiro o caos circulatorio e as dificultades que teñen tanto os buses coma os vehículos para manobrar provoca o temor entre os pais e nais a que suceda algún indicente, polo que sería preciso incrementar a presencia de policías locais.

 

No Filomena Dato a situación resulta moito máis complicada porque á voráxine que se produce coa actividade escolar, súmase o feito de que se repiten con demasiada frecuencia atascos no tráfico debido a que nas horas punta non só circulan as persoas da comunidade escolar, senón tamén cidadáns que se desprazan ós seus centros de traballo ou que simplemente queren sair dos garaxes, producíndose un embotellamento ó que hai que buscar unha solución. Un ejemplo desta situación pódese comprobar na intersección entre Rodríguez Punxín e Garrida, onde moitas veces os buses non poden xirar polos coches aparcados

 

 

O estacionamento de coches en dobre fila é outra das lacras que padecen os conductores que circulan pola Valenzá. Chama a atención que este tipo de infraccións se produzan en determinados puntos en concreto e que se reitere a paradóxica e inxusta situación de que se multe a uns propietarios de vehículos e a outros non. A inquedanza entre a cidadanía ante as posibles desigualdades que se están producindo fan precisa unha intervención dos mandatarios locais.

 

Para buscar unha solución global sería preciso un maior control do tráfico en zonas céntricas e en lugares onde se concentra unha maior actividade no tráfico rodado.

 

 

Por todo o anteriormente exposto, propoño ó Pleno desta Corporación a adopción do seguinte ACORDO:

 

 

1)           Que se realice unha verificación da existencia de barreiras arquitectónicas nas vías de máior densidade de tráfico e estudar a progresiva eliminación das mesmas e que se elabore un informe técnico para planificar actuacións de mellora na accesibilidade.

 

2)           Elaborar un plan de ordenación do tráfico nas inmediacións dos centros de primaria públicos e incrementar a vixiancia por parte dos axentes de policía ou mesmo pedir a colaboración dutros corpos.

 

 

3)           Intensificar a vixiancia no cumprimento da normativa no que se refire á instalación de terrazas na vía pública para facilitar a mobilidade dos viandantes.

 

4)           Levar a cabo un control máis exhaustivo do estacionamento de vehículos en lugares prohibidos, en doble ringleira ou invandido as beirarrúas.

 

 

5)           Crear espazos para o estacionamento de motocicletas na avenida de Celanova.

 

6)           Revisar e aclarar, no seu caso, a sinalización en lugares nos que sucesivos cambios obrigaron a facer pintados que inducen a erro e que constitúen un perigo potencial para os automobilistas (cruce dos Patos coa estrada que vai ó campo de fútbol ou incorporación dende a avenida de Celanova á Rúa do Viso)

Victoria Morenza Doforno
Concelleira do PSdeG

                   En Barbadás a 21 de febreiro de 2013

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario