luns, 4 de marzo de 2013


MOCIÓN DO PSdeG-PSOE PARA QUE O CONCELLO DE BARBADÁS PROMOCIONE O USO DA BICICLETA
Don Xosé Carlos Valcárcel Doval, na súa condición de Voceiro do Grupo Municipal Socialista no Concello de Barbadás, e ó abeiro do disposto nos artigos 91.4 e 97 do Real Decreto 2568/1986, de 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais presenta á consideración do Pleno da Corporación municipal a seguinte  MOCIÓN:

            EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

            Un dos aspectos máis salientables de Barbadás  que en todo momento é utilizada polos seus gobernantes na súa publicidade é o dinamismo da súa poboación.

            As grandes potencialidades que ten a nosa veciñanza case sempre se ven afogadas pola inactividade e falta de imaxinación do equipo de goberno do PP que dirixe o Sr. Freire. 

            No eido deportivo os exemplos son múltiples, empezando polas importantes carencias das piscinas , pasando pola ausencia de dotacións deportivas básicas e rematando co abandono das andainas.

            Os Socialistas de Barbadás somos conscientes non só das vantaxes da actividade deportiva para o desenvolvemento harmónico e saúdable da cidadanía. Tamén somos conscientes das grandes demandas dos nosos conveciños en relación a diversos deportes. O ciclismo é un de eses deportes.

Existe no noso concello un gran colectivo de persoas que practican asiduamente o ciclismo e que consideran que este deporte non ten a consideración que merece dentro das prioridades deportivas dos gobernantes do Partido Popular.

É imprescindible que as autoridades locais colaboren activamente con estas asociacións  no deseño dunha política activa que fomente a práctica do ciclismo entre a poboación de Barbadás.

Resulta evidente que a potenciación deste deporte non ten só aspectos positivos sobre a saúde. Tamén afecta moi favorablemente ó medio ambiente e por suposto  á mobilidade.

 Un aspecto fundamental é que estamos a falar dun deporte que se pode realizar en todas todas as etapas da vida.

No Grupo Municipal Socialista somos conscientes das dificultades para pór en marcha un proxecto integral en relación a este asunto, pero prentendemos que se dean as primeiros pasos.

Por todo o anteriormente exposto, propoño ó Pleno desta Corporación a adopción do seguinte

 ACORDO:
  • Instalar zonas de aparcamento para bicicletas (aparcabicis) nas inmediacións das instalacións deportivas, escolas, parques e edificios públicos máis frecuentados de Barbadás.
  • Incluir a práctica do ciclismo dentro do abano de actividades extraescolares e das escolas deportivas que se ofertan desde o Concello.
  • Realizar campañas entre os diversos coletivos sociais e veciñais para dar a coñecer as vantaxes do uso da bicicleta.
  • Potenciar as rutas do S. Bieito e dos Castros mediante a elaboración e distribución de mapas orientativos e guías.
  •  Establecer un “Día da Bici” en Barbadás.

En Barbadás a 20 de febreiro de 2013



Ningún comentario:

Publicar un comentario